Sanidade pública

A falta de contrastes obriga a adiar probas de imaxe de pacientes oncolóxicos en Pontevedra e O Salnés

Tomografía Axial Computada. (Foto: Nós Diario).
Só no no Hospital Provincial de Pontevedra adiáronse 15 dos 20 TAC previstos esta quinta feira.

Os servizos de Radioloxía dos hospitais públicos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés acusaron esta quinta feira a falta de contrates, unhas substancias de uso habitual nestas áreas durante a realización de probas de diagnóstico por imaxe.

En declaracións a Nós Diario, a Xerencia da área sanitaria referiuse a "un imprevisto de demora na chegada da subministración de contraste" que obrigou a cancelar varias probas programadas, en concreto, Tomografías Axiais Computadas (TAC), "preservando aquelas que tiñan maior prioridade ademais das urxentes".

Só no Hospital Provincial de Pontevedra adiáronse 15 dos 20 TAC previstos, mais as cancelacións tamén afectaron a persoas con citas programadas nos hospitais de Montecelo e do Salnés.

Caída da produción mundial

O persoal de radioloxía bateu cun problema de abastecemento de contrastes iodados no marco dunha "baixada mundial da produción" que xa motivou carencias puntuais nos últimos meses, afirma.

Os contrastes son "indispensábeis en estudos oncolóxicos, á hora de comprobar se hai sangrados en accidentes de tráfico, ante unha sospeita de rotura da aorta, en caso de ictus para localizar onde está o trombo...; se ben é certo que hai determinadas patoloxías que cun estudo sen contraste xa podemos saber o que pasa".

Profesionais de radioloxía censuraron en conversa con este medio "a falta de previsión e indicacións" por parte dos responsábeis sanitarios "e que teñamos que ser nós quen deamos a cara polo Sergas ante as pacientes".

Continuidade asistencial

A primeira hora desta tarde a Xerencia da área área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmou que "xa está dispoñible a subministración de contraste para dar continuidade asistencial á prestación sanitaria", polo que a partir desta sexta feira esperan "reprogramar" as citas adiadas ao tempo que "continuan coa actividade habitual"