Educación

Decanos das facultades de Economía da Galiza, en contra da redución de contidos económicos en ESO e Bacharelato

O profesorado avoga por crear tres novas materias económicas para ESO e Secundaria. (Foto: Europa Press / Carlos Castro)
Alertan de que o borrador do novo currículo de contidos "reducirá de forma notoria" os coñecementos económicos, financeiros e empresariais do alumnado, e apostan na creación de tres novas materias, unha delas sobre consumo responsábel e sustentabilidade.

Os decanos das facultades de Ciencias Económicas e de Administración de Empresas das tres universidades galegas veñen de facer público o seu posicionamento a respecto do borrador do novo currículo de contidos de Educación Secundaria e Bacharelato, presentado pola Consellaría de Educación.

Por parte da Universidade de Vigo (UVigo) asinan o texto a decana de Ciencias Empresariais e Turismo, María Montserrat Cruz González, e mais o de Ciencias Económicas, Miguel Ángel Crespo Domínguez; pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), os decanos de Ciencias Económicas e Empresariais, Xosé Ramón Doldán García, e de Administración e Dirección de Empresas, Roberto Bande Ramudo, e pola Universidade da Coruña (UDC), o decano de Economía e Empresa, Manuel Alberto Gómez Suárez.

Os decanos poñen o foco no seu escrito na "redución a respecto da situación actual" dos contidos relacionados coa "formación económica, empresarial, financeira e de emprendemento", nomeadamente en 4º ESO e Bacharelato.

Aliás, advirten da desaparición de dúas materias optativas, Economía e Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, que se fusiona nunha soa: Economía e Emprendemento. Pola súa configuración, din, "non facilita a adquisición satisfactoria nin dos contidos económicos nin os relativos ao emprendemento".

"Desaparece a materia Educación Financeira como materia de libre configuración no primeiro ciclo da ESO", lamentan. Si se recollen, porén, "contidos limitados de educación financeira en materias de Matemáticas en 3º e 4º de ESO", malia que "non serían impartidos por profesorado especialista en Economía que xa existe nos centros".

Estas modificiacións, sosteñen, "reducirán de forma notoria as competencias e coñecementos de contido económico, financeiro e empresarial do alumnado que accederá aos estudos superiores de economía e empresa nos vindeiros anos, o que dificultará a adaptación deste alumnado aos nosos centros, ao non dispor dos coñecementos básicos que se precisarían para cursar con éxito as materias de formación básica e obrigatorias dos primeiros anos dos graos".

Materia sobre consumo responsábel e transversalidade de Economía

Os decanos subliñan que a redución de contidos vencellados ao eido económico e o empresarial "non está en liña coas recomendacións da OCDE ou da UE" sobre educación financeira, polo que apoian a proposta da Asociación Galega de Ensinantes de Economía de Secundaria (Agaedes) á Consellaría para ofertar as seguintes materias: Finanzas, consumo responsábel e sustentabilidade, no primeiro ciclo da ESO; Educación Financeira, en 3º curso da ESO, e Fundamentos de Administración e Xestión, en 2º de Bacharelato.

Aliás, optan por "flexibilizar" a oferta das materias de Economía a fin de que poida cursala calquera estudante sexa cal for a súa modalidade de Bacharelato escollida malia non estar ligada ás Ciencias Sociais ou as Humanidades.