A falla de pediatras mingua a atención aos pequechos de Outes, Lousame e Noia

(Foto: Arxina)

CIG-Saúde denuncia  a “total falta de planificación e medidas” ante a falta de pediatra no centro de saúde de Outes, o que repercute na atención en Noia e Lousame

A CIG-Saúde de Compostela denuncia o que cualifica de “descontrol” provocado pola ausencia do titular da praza de Pediatría do centro de saúde de Outes.

O sindicato explica que a referencia para bebés e crianzas menores de 3 anos sería a Pediatría de Noia, “mais como tamén falta na quenda da mañá e só está cuberta na quenda de tarde, a poboación de Outes ten que acudir ao Centro de Lousame”.

A consecuencia, prosegue o sindicato, é que Pediatría de Lousame ten que asumir os concellos de Noia e de Outes, o que a central considera “a todas luces, inviábel”.

A CIG-Saúde subliña, en todo caso, que non se trata só da situación na que se atopa Pediatría na Área sanitaria de Santiago, senón das condicións de traballo de toda a Atención Primaria

A CIG-Saúde subliña, en todo caso, que non se trata só da situación na que se atopa Pediatría na Área sanitaria de Santiago, senón das condicións de traballo de toda a Atención Primaria que “dista moito de garantir, non só unha asistencia de calidade ás persoas usuarias, senón que tamén está lonxe, moi lonxe, de garantir, unha seguridade aos profesionais no seu traballo”.

Lembran que o sindicato loita polo recoñecemento e garantías e dereitos da poboación a ter unha sanidade digna para a poboación infantil.

Por iso demandan políticas concretas de avaliación e busca de solucións ante o déficit de profesionais pediátricos.

Mais tamén para poñer solucións que garantan unhas  condicións de carga de traballo e retributivas dignas porque “as que hai distan moito da dignificación dun posto de traballo no sector público”.