Falece un veciño de Sanxenxo de 44 anos tras caer ao mar co seu vehículo

Labores de rescate do home caído ao mar. (Foto: Concello de Sanxenxo)
A propia vítima deu aviso ao 112 e alertou de que non sabía nadar.

Un veciño de Noalla (Sanxenxo) de 44 anos de idade faleceu na madrugada desta quinta feira tras caer ao mar co vehículo que conducía no porto de Portonovo, neste municipio do Salnés.

Segundo veñen de trasladar fontes municipais, foi a propia vítima a que alertou a central de emerxencias do 112-Galiza de que caera ao mar co seu coche e non sabía nadar. Sucedeu contra as 4.26 horas da madrugada.

De inmediato foi despregado un operativo formado por Policía Local, persoal de Emerxencias, Garda Civil, Bombeiros de Ribadumia e Salvamento Marítimo, que atoparon xa o corpo do falecido flotando na auga.

O persoal de seguridade do porto informou de que o vehículo caera entre a lonxa e o embarcadoiro. Con todo, a escasa visibilidade e as malas condicións do mar impediron dar coa vítima até as 6 horas da madrugada, cando a Policía Local solicitou ao 112 a presenza de persoal sanitario do 061 para certificar o falecemento do home, cuxo cadáver fora localizado flotando entre as embarcacións do porto.

Segundo os medios que interviñeron, todo parece indicar que o condutor conseguiu saír do interior do vehículo polos seus propios medios, pero o vento e as correntes existentes nese momento desprazárono desde o lugar do sinistro até a zona na que foi localizado.

Á primeira hora da mañá desta quinta feira traballábase na recuperación do cadáver e as forzas da orde tratan de esclarecer as causas do suceso. Os servizos de emerxencias continúan buscando o vehículo.