Falece unha muller de Ferrol após a suposta agresión do seu irmán nun brote psicótico

Hospial Arquitecto Marcide de Ferrol. (Foto: Sergas)

Os feitos producíronse o domingo

Unha veciña de Ferrol faleceu tras a suposta agresión do seu irmán durante un brote psicótico, segundo informaron a Europa Press fontes policiais.

A agresión, explicaron, produciuse o domingo e a muller morreu na terza feira. Mentres, o home, que padece esquizofrenia, segundo as fontes consultadas, atópase ingresado nun centro hospitalario, na área de psiquiatría.

Os feitos producíronse o domingo nunha vivenda situada na zona de Fajardo, na cidade de Ferrol. A falecida é unha persoa de idade avanzada, que foi evacuada ao centro hospitalario onde acabou falecendo.

Tamén foi trasladado o presunto autor da agresión, o seu irmán, que permanece ingresado na área de psiquiatría, á espera das actuacións que se leven agora a cabo.