Obituario

Falece a relixiosa e escritora Engracia Vidal, unha pioneira e revolucionaria da Igrexa galega

Engracia Vidal. (Foto: Do Gris ao Violeta)
"A Igrexa é hoxe o que é na Galiza, en boa parte, grazas a ela", rememora a teóloga Marisa Vidal.

Din que ninguén morre se permanece vivo no recordo, e Engracia Vidal é unha desas persoas. Relixiosa, docente, escritora, teóloga, galeguista, feminista, revolucionaria... son moitos os adxectivos cos que se podería describir a esta cambadesa nada en 1930 e finada esta terza feira, 23 de xaneiro, aos 93 anos de idade. O seu legado perdura intacto na memoria de quen compartiron vivencias con esta muller de firmes conviccións.

Ingresou moi nova no Sagrado Corazón de Praceres, en Pontevedra —onde esta quinta feira será despedida polos seus achegados— e impartiu aulas en diferentes centros da congregación. Engracia Vidal cursou estudos de Historia e diplomouse en Teoloxía, pero a súa aportación á comunidade vai máis aló da escola, pois insistiu en defender a lingua e identidade da Galiza e en abrir a Igrexa católica ás mulleres, como atesoura o feito de ser a primeira autora en lingua galega dun ensaio relixioso— Por unha Igrexa tamén feminina (2000)—, a primeira en ser mestra no Seminario Menor de Belvís (Santiago), ou de participar activamente nos inicios da Marcha Mundial das Mulleres. Foi, ante todo, "unha pioneira".

"A Igrexa galega é hoxe o que é, en boa parte, grazas a ela, que estivo sempre traballando desde abaixo, apoiando, animando e creando novas iniciativas", afirma, en conversa con Nós Diario, Marisa Vidal, mestra, teóloga e membro da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Para ela, Engracia foi "unha muller moi activa" e de firmes conviccións.

O Concilio Vaticano II, destinado en esencia a abordar a relación da Igrexa co mundo moderno, marcouna profundamente. E xa nos estertores da ditadura franquista comezou a deixar unha forte pegada. "Nos anos 70, as monxas que se puñan ao carón do xente para escoitala, e exporse [como Engracia], estaban moi mal vistas", apunta Vidal. Mais a ela non lle importaba, pois non había nada que a frease.

Naquela altura impulsou unha residencia para mozas do rural que querían estudar en Santiago mais non podían, un labor que moitas das agraciadas non esquecen. "Estannos chegando varias mensaxes de persoas que queren agradecerlle o seu labor", conta a teóloga. E alén do ámbito educativo, acolleu mesmo reunións políticas durante o tardofranquismo.

Engracia Vidal foi tamén unha das principais artífices do nacemento da revista de pensamento cristián Encrucillada, que saíu do prelo hai xa 47 anos e hoxe continúa a editarse. "Estaba preparada para publicarse en 1974, pero a censura franquista impediuno. E, aínda así, ela non se rendeu", lembra. Morto o ditador Francisco Franco, reactivou o proxecto, artellou a redacción e conseguiu que a revista vise a luz, "grazas ao seu tesón", asegura Marisa Vidal. Hoxe Encrucillada é toda unha referencia no ámbito da Teoloxía e é citada e referida en numerosas publicacións.