Falece Ramón Muñiz de las Cuevas

Presidente da Irmandade Moncho Valcárcel, foi nos 70 un dos motores na aposta do nacionalismo pola autoorganización en campos como o da loita labrega.

 

Faleceu Ramón Muñiz de Las Cuevas (Ourense 1942), presidente da Irmandade Moncho Valcarcel e quen nos anos 70 fora un dos motores da organización dos labregos e labregas de Galiza en organización propias. Sen el, coinciden moitas voces, non podería entenderse o sindicalismo nacionalista no tecido rural.

 

Sociólogo, militante desde cedo no nacionalismo, xogou un papel importante en conflitos como o das Encrobas ou contra a instalación dunha central nuclear en Xove. Foi membro da dirección nacional da UPG na clandestinidade. Fundador dos CALL (Comités de Axuda á Loita Labrega) e promotor das Comisións Labregas e da ANPG . Tamén foi un dos promotores e fundadores do BNG sendo membro da súa primeira Dirección Nacional como independente.

 

Ramón Muñiz era colaborador do Sermos Galiza. Experto en temas sociais, promoveu colectivos como a Asociación de Traballo Social Comunitario e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social.