Falece en plena singradura Javier Babé, capitán do barco do Reto Astrolabio

Javier Babé, no centro, capitaneaba a expedición da 'Peregrina'. (Foto: Reto Astrolabio)
Babé e a súa tripulación atopábanse a unhas 420 millas ao leste da illa Guadalupe, a só tres días de chegar ao seu destino. A tripulación botou o corpo ao mar, cumprindo así o desexo do capitán.

 

O capitán Javier Babé faleceu a bordo do veleiro 'A Peregrina' durante a súa travesía no océano Atlántico. Babé e a súa tripulación atopábanse a unhas 420 millas ao leste da illa Guadalupe, a só tres días de chegar ao seu destino nunha pequena illa do sur do Caribe, cando o capitán sufriu un infarto de madrugada.

O médico da bordo, Antonio Grandío, logrou estabilizar o capitán, pero lamentablemente, pouco despois produciuse o seu falecemento ás 14 horas (hora local) debido a unha insuficiencia cardíaca conxestiva.

A tripulación lanzou ao mar o corpo de Javier Babé. Foi lastrado cunha áncora a unhas 260 millas ao leste da illa de Guadalupe "Cumprindo os seus desexos, o corpo do capitán da Peregrina, Javier Babé, foi lanzado ao mar na tarde de hoxe, sábado, a unhas 260 millas ao leste da illa francesa de Guadalupe", relatan fontes da expedición.

A Peregrina partiu hai tres semanas do porto canario de La Gomera —tras saír da Illa de Arousa a finais de febreiro—, para protagonizar a súa tripulación de mariñeiros galegos unha viaxe única nun veleiro equipado unicamente con instrumentos renacentistas. Así funciona o 'Reto Astrolabio', unha aventura que consiste en atravesar 3.000 millas de océano e recalar nun punto previamente fixado, utilizando só os medios e instrumentos do século XVII.

O seu percorrido polo Atlántico podía seguirse desde terra a través desta páxina web actualizada permanentemente cun 'tracking' vía satélite, permitindo analizar toda a travesía e comentar os erros ou acertos do capitán. Desde a embarcación, porén, en ningún momento terán acceso a esa información, xa que os modernos sistemas de navegación estarán todos confinados nun cofre, precintado ante notario no porto de La Gomera. Só se abrirá en caso de emerxencia.

O narrador en terra desta aventura, Alfredo Conde, facía balance a pasada semanas do vivido até o momento. A través da web poden seguirse dúas liñas, a posición real do veleiro —a determinada polo GPS que vai a bordo— e a estimada polo astrolabio, e, dado que nestes intres ambas as dúas están moi próximas, pode apreciarse a "pericia e olfacto" do capitán, Javier Babé, así como do astrolabio, para acertar no rumbo cara a 'La Deseada'.

Obituario do narrador en terra da aventura, Alfredo Conde:

 “Non sei de moita xente, cando menos de xente próxima a min, que vivira sempre de acordo cos seus principios, facendo bos os valores que fan que o animal humano sexa alguén capaz do máis sublime cando, ó par del, sempre haxa outro capaz do máis abxecto. O mundo é mellor grazas á presenza nel de persoas como Xavier Babe e a despeito dos outros. Sempre hai altruístas e egoístas. Xavier foi sempre dos primeiros.

  Xavier viviu sempre coma quixo vivir, amou o mar, amou á xente que o rodeaba e soubo rodearse sempre de amigos fieis a el e fieis ós mesmos valores que Xavier defendeu mentres lle alentou a vida.

Hoxe, estando a catrocentas vinte millas ó leste de Guadalupe, a illa das pequenas Antillas, grazas á derrota sabiamente determinada que guiou ó veleiro La Peregrina a través do Atlántico, Xavier Babé, sendo as catro da madrugada, hora local, o seu capitán, sufriu un infarto conxestivo que nun principio foi estabilizado por Antonio Grandío, tripulante de La Peregrina e cardiólogo de profesión

Non se puido facer nada. A condición de médico de Antonio nin de tempo dispuxo para evitar o que de todo punto era inevitable cando ás catorce horas, o corazón de Xavier deixara de latir. Xavier Babé faleceu antes de chegar ó porto que o esperaba, e antes de chegar La Peregrina ó encontro cun cruceiro que o esperaba.     

Escribo nada mais recibir a mala nova, e fágoo a impulso das emocións que tal noticia suscita. Podo dicir que Xavier cumpriu cos fins do seu Reto Astrolabio e que viu cumpridos os seus desexos de morrer no mar.

Xavier acaba de morrer como morreron moitos dos máis grandes navegantes, só que el, que si morreu coma eles, acaba de facelo nun século que lle ofrecía toda a tecnoloxía da que dispón para que el renunciase a ela a fin de poder facer o mesmo que eses grandes mariños, Colón, Elcano, Drake e tantos outros fixeron nos seus días: recorrendo á intelixencia, utilizando o instinto, facendo uso do coñecemento do medio que posuía e facelo acompañado da súa esposa e dos seus amigos.

Non debemos choralo, debemos alegrarnos por telo coñecido e ter sido os seus amigos, por telo visto vivir de acordo cos seus desexos e porque alguén, nestes tempos confusos, puidera vivir a despeito da confusión reinante.

Xavier foi un home de ideas claras e corazón aberto. A súa foi unha vida exemplar. Celebremos telo coñecido e sintamos coma propia a dor de Cristina e dos seus fillos”.