Falece unha persoa e tres resultan feridas, dúas delas de consideración, nun accidente múltiple en San Cibrao

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Sucedeu no quilómetro 228 da estrada OU-525, ao seu paso por este concello ourensán.

Unha persoa faleceu na mañá desta quinta feira e outras tres resultaron feridas, dúas delas de consideración, após producirse un accidente múltiple entre un camión, unha furgoneta e un turismo en San Cibrao das Viñas, na comarca de Ourense.

Tal e como informaron fontes da Garda Civil, os feitos ocorreron minutos antes das 12.30 horas no quilómetro 228 da OU-525, ao seu paso polo municipio de San Cibrao.

Tratouse dunha colisión fronto-lateral entre un camión, unha furgoneta e un turismo, na cal o condutor da furgoneta perdeu a vida, mentres que os outros dous condutores resultaron feridos de consideración e unha terceira persoa, ferida leve.

Por iso, segundo fontes do 112-Galiza consultadas por Europa Press, todos tiveron que ser trasladados a un centro hospitalario para ser atendidos. Ademais, un helicóptero desprazouse ao lugar do sinistro debido á gravidade do ocorrido.

Foi un dos implicados quen alertou do suceso, indicando que unha persoa precisaba "axuda urxente". Así, deuse aviso aos servizos de urxencias sanitarias, os bombeiros, a Garda Civil de Tráfico e o GES de Pereiro de Aguiar, alén de Protección Civil.