Falece Paco Lores, ‘Comandante’, figura chave da emigración galega na Arxentina

Francisco Lores

Grovense de nacemento chegou a Bos Aires con apenas 18 anos. Amigo de Seoane, Cuadrado e Lorenzo Varela, loitou desde diferentes colectivos polos dereitos e dignificación dos emigrantes galegos. Era presidente da Federación de asociacións galegas de Arxentina.

Francisco Lores Mascato, ‘Comandante’, como o chamaban os máis achegados, presidente da Federación de asociacións galegas en Arxentina e do Museo da emigración galega en Arxentina, faleceu en Bos Aires, a cidade onde pasou a maior parte da súa vida, aos 83 anos de idade. Chegara á capital arxentina desde o seu O Grove natal en 1952, con apenas 18 anos, atraído polas referencias dun amigo que emigrara con anterioridade.

 

A federación que representa as colectividades de emigrantes galegos en Arxentina expresaron o seu pesar pola perda. “Home claro, combativo, que amaba por riba de todo Galiza e Arxentina”. Persoas que o coñeceron inciden no seu papel moi importante na dinamización da colectividade galega nestes últimos 20 ou 30 anos.

 

Desde o seu desembarco en Bos Aires, Paco Lores sumouse aos colectivos de emigrantes galegos, desde onde traballou pola defensa dos seus dereitos e a dignificación da emigración galega. Galego de nación e home de esquerdas, foi amigo de Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Luís Seoane, entre outros. Impulsou desde a Federación querelas contra o exército arxentino pola desaparición de cidadáns de orixe galega durante a ditadura (1976-83).

 

Lores tivo un forte compromiso político que o levou a militar en diferentes organizacións, como Partido Comunista nos anos sesenta, do que marchou para unha escisión maoísta. Posteriormente pasou militar no nacionalismo. primeiro na UPG e posteriormente no BNG, e actualmente estaba en Anova.