Falece un octoxenario en Lalín que tivo que agardar 50 minutos por unha ambulancia

2020030318435193861
Compromiso por Lalín e BNG denunciaron a falta de recursos humanos no PAC do concello e o "colapso" derivado desta.

Até 50 minutos tivo que esperar un octoxenario residente no lugar de Bergazos, no concello de Lalín, por unha ambulancia, solicitada para tratalo por unha emerxencia sanitaria. Finalmente, se ben o vehículo sanitario chegou até o fogar do ancián cando este seguía con vida, acabou falecendo poucos minutos despois, xa no interior da ambulancia.

Os feitos ocorreron na noite deste domingo, pasadas as 23 horas. En concreto, segundo detallou o 061 a varios medios, a chamada para solicitar o envío dunha ambulancia tivo lugar ás 23.20 horas, tal e como quedou rexistrado. Porén, esta non chegou até 50 minutos despois aproximadamente.

No interior do vehículo, como tamén detalla o 061, ían dous profesionais sanitarios pertencentes ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Lalín.

O que non concretou o servizo de emerxencias é o motivo que propiciou a demora na chegada da ambulancia ao fogar da persoa falecida.

Investigación do ocorrido

Ao longo do día de hoxe está previsto que se dean novos detalles sobre o ocorrido na noite deste domingo, como que ocasionou a tardanza do vehículo sanitario e canto tempo lle levou exactamente chegar até o domicilio.

Desde Compromiso por Lalín denuncian que o pasamento deste home debeuse á escaseza de medios humanos no PAC. O concelleiro desta formación, Miguel Medela, criticou o "colapso" do centro sanitario no día de onte, despois de que as dúas persoas facultativas que traballan alí tivesen que saír para atender urxencias en domicilios, deixando varias persoas no PAC.

En marzo deste ano, o concelleiro do BNG de Lalín, Francisco Vilariño, xa denunciara unha situación semellante, cando o PAC quedou varias horas sen persoal sanitario de madrugada, quedan só no edificio parte do cadro de persoal administrativo.