Unha crianza de doce meses cun traumatismo craneoencefálico "moi grave" agarda até unha hora por unha ambulancia

Ambulancias ás portas das Urxencias do Hospital de Montecelo. (Foto: Nós Diario)
Outro home, un octoxenario residente en Sanxenxo, non recibiu unha ambulancia até pasadas 20 horas, denuncian desde a CESM Galiza.

A falta de medios —técnicos e humanos— no sistema público de saúde da Galiza está a afectar persoas de todas as idades e condicións. Nas últimas datas sucédense as denuncias de profesionais, colectivos de pacientes e sindicatos sobre a saturación de diferentes servizos durante o verán, nomeadamente as Urxencias, as ambulancias do 061 e os centros de Atención Primaria.

Na mañá desta segunda feira un paciente de 84 anos residente en Sanxenxo tivo que agardar até 20 horas para ser trasladado en ambulancia. De forma paralela, unha nena de só doce meses, cuxo prognóstico era "moi grave" após sufrir un traumatismo craneoencefálico, non recibiu a ambulancia até pasada unha hora da solicitude.

Denúnciao a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, que sinala que o xerente da área, José Ramón Gómez Fernández, "podería estar a incorrer nun delito penal de prevaricación administrativa" por "permitir que a empresa [responsábel do servizo de ambulancias] incumpra as cláusulas expostas".

Neste senso, lamentan que, malia que a compañía, Ambulancias Civera, comezou operar hai perto dun ano e medio, "por parte da Xerencia non se iniciase un expediente de resolución ou diversos expedientes parciais de penalizacións económicas" por incumprir os termos do contrato. A ollos da central sindical, isto "denota certa complicidade entre a empresa e a dirección da área".

A respecto do contrato anterior, precisan desde a CESM, o número de vehículos medicalizados minguou en catro, pasando deste modo de 42 a 38. "Por puro criterio economicista da Xunta", afirman.

Un home falece en Lalín agardando pola ambulancia

Un caso semellante —mais, desafortunadamente, cun desenlace tráxico— aconteceu en Lalín, onde a formación política Compromiso denunciou a morte este domingo dun home de 83 anos de idade que precisaba de atención médica após agardar 50 minutos pola chegada dunha ambulancia ao seu domicilio, en Donsión.

Esta demora foi recoñecida por Urxencias Sanitarias da Galiza-061, entidade que alegou, en declaracións a Europa Press, que o persoal sanitario chegou ao lugar "dez minutos" após recibir o aviso. Unha vez alí, sostiveron desde o 061, avaliouse o seu estado e solicitouse unha ambulancia para trasladalo ao Hospital Clínico de Compostela que, porén, chegou tarde.