Falece Nonito Pereira, persoa chave en discos fundamentais da música galega

(Facebook do produtor)

Xornalista e promotor musical, foi produtor de obras chaves da música galega, como ‘Fonte do Araño’ de Emilio Cao ou NHU.

Faleceu aos 76 anos de idade o produtor, comentarista e xornalista musical Nonito Pereira Revuelta, coruñés da colleita de 1943 e unha persoa sen a que non se pode entender momentos chaves da música galega. Foi impulsor do festival ‘Noroteste Pop Rock’, da Coruña, e como responsábel do ‘PLaya Club’ fixo que por alí desfilasen nomes da talla de Barracudas ou Fleshtones, entre outros.

Foi responsábel do primeiro programa de Jazz feito na Galiza, en 1967, en Radio Juventud, que despois ampliaría a diversos estilos. 

Foi creador do selo discográfico ‘Abrente’ e como produtor é responsábel dalgunhas das obras chaves da música galega. Aí está, por exemplo, o ‘Fonte de Araño’ (1977), de Emilio Cao, toda unha revolución. Ou o disco ‘Milladoiro’, de Rodrigo Romaní e Antón Seoane e que sería o primeiro paso do que é un dos grandes nomes do folk galego: Milladoiro.

Produciu tamén grupos como NHU, banda de rock underground que a finais dos 70 apostou polo galego.

Pereira recibiría en 1978 o premio ‘Record World’ como produtor, un dos máis importantes do sector.