LEMBRANZA

Falece Nacho Hortas, debuxante de Sermos Galiza

Nacho Hortas (Cedida)

Humorista gráfico de Sermos Galiza desde practicamente os comezos da posta en marcha do semanario, Ignacio Hortas, coñecido como Nacho Hortas, faleceu a noite da pasada sexta feira, 11 de outubro, aos 64 anos, por causa dunha enfermidade.

Naceu en Los Cármenes (León), debido ao destino profesional de seu pai, mais viviu na Galiza desde pequeno. “Nacho era galego, sentíase galego”, sinala en declaracións Sermos Galiza o humorista e amigo persoal do falecido Xosé Lois “O Carrabouxo”. Precisamente, fora “O Carrabouxo”, un dos promotores de Sermos Galiza, quen o puxera en contacto coa redacción deste medio para colaborar como humorista gráfico. Fíxoo, de maneira desinteresada, até que a enfermidade que lle detectaran impediu que seguise debuxando. O último cadriño, que hoxe recuperamos como lembranza, saíu no semanario do 27 de xuño de 2019.

Hortas viviu a cabalo entre Ourense e Compostela e acabou recalando en Catoira, onde vivía na actualidade. O vínculo coa vila era tal que chegou a facer parte da candidatura do BNG ás eleccións municipais do pasado maio. Colaborou con La Voz de Galicia e “apuntouse a todas as publicacións de humor galego, polo seu amor polo idioma”, lembra “O Carrabouxo”.

Cans sen Dono, Xo!, A Peneira, Das Kapital, Valium 10 ou Golfiño foron algunhas das publicacións que recolleron os seus cadriños. Da man do ourensán Bieito Losada, impulsou Barbaña Cómic. Traballou, como funcionario, na Consellaría do Mar até a súa xubilación.