Falece unha muller en Vigo após ser atropelada de madrugada

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Unha muller de 49 anos, con iniciais P.Q.M., perdeu a vida este domingo tras sufrir un atropelo na parroquia de Comesaña, en Vigo, no quilómetro 4 da VG-20.

Unha muller de 49 anos, con iniciais P.Q.M., perdeu a vida este domingo tras sufrir un atropelo na parroquia de Comesaña, en Vigo, no quilómetro 4 da VG-20.

Segundo informou o 112 Galiza, un particular deu aviso de que unha muller fora atropelada e atopábase tendida no chan neste punto sobre as 1:00 horas.

Ao ter coñecemento dos feitos, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galiza informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao persoal de mantemento da vía. Ademais, tamén se notificou este suceso aos Bombeiros de Vigo e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Xa no lugar, axentes da Policía Local confirmaron que a muller xa falecera.

Tamén na cidade olívica, ao fío das 22:15 horas deste sábado, unha moza resultou ferida despois de ser atropelada á altura do número 9 da rúa Rosalía de Castro.

Así o indicaba ao 112 Galiza un particular que chamou á central de emerxencias para solicitar asistencia sanitaria para a ferida, que se atopaba consciente.

Tras recibir o aviso, os xestores do 112 informaron o persoal sanitario e á Policía Local. Do mesmo modo, pasaron aviso aos Bombeiros e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vigo, que confirmaron o traslado da muller ao centro hospitalario de referencia.