Falece unha muller en Outes no segundo atropelo mortal do día nas estradas galegas

O accidente produciuse á altura de Siavo, no Freixo (Outes). [Foto: Google]
Esta veciña do Freixo de Outes foi alcanzada por un vehículo no quilómetro 58 da estrada AC-550.

Unha muller morreu na mañá desta terza feira ao ser atropelada por un vehículo na estrada AC-550 ao seu paso polo municipio de Outes (comarca de Noia). O accidente produciuse ao fío do mediodía, contra as 12 horas, á altura do lugar de Siavo, no Freixo de Outes, máis concretamente no quilómetro 58 desta estrada que une Noia e Muros, segundo trasladaron fontes dos servizos de emerxencias do 112-Galiza.

Até o lugar mobilizouse o helicóptero de Urxencias Sanitarias 061, Garda Civil de Tráfico, GES de Noia e Protección Civil. Trátase da segunda vítima mortal por atropelo nas estradas galegas na mañá desta terza feira despois do falecemento dun home de 59 anos alcanzado por un vehículo no barrio de Conxo de Santiago.

Dúas persoas foron detidas por este suceso que actualmente está a investigar a Policía Nacional, logo de que o condutor do vehículo se dese á fuga após atropelar este home, deixándoo sobre a calzada —segundo a información transcendida até o momento— e, porén, alertase minutos despois as autoridades do sucedido.