Falece a muller que dera positivo na residencia de Nigrán destinada a anciás libres de coronavirus

(FB residencia)

Comunícao a Federación Galega de Asociacións de Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, que cualifica de “burdo e opaco” o “conteo actual de vítimas” que fai a Xunta.

O pasado 14 de abril coñecíase que unha das anciás trasladadas á residencia de tempo libre que a Xunta ten no lugar de Patos, en Nigrán, habilitada para acoller residentes xeriátricas que non estivesen afectadas polo coronavirus, dera positivo.Era unha residente que fora trasladada a Nigrán desde a residencia DomusVi do Barreiro, en Vigo.

Rede, a Federación Galega de Asociacións de Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, vén de informar do falecemento desa muller, nonaxenaria. “O feito produciuse esta semana e pasou totalmente desapercibido nos listados “confusos e tramposos” que as consellerías de Política Social e de Sanidade fabrican cada día”, manifestan.

A Federación Galega de Familiares Rede, ven expresando pnestes días a súa repulsa a este conteo “burdo e opaco de vítimas, que fala moi mal da calidade da democracia na Galiza”.

O Albergue de Patos foi adaptado como solución de emerxencia para separar as persoas usuarias (de Aldán e Barreiro) que deran negativo e positivo nas probas da COVID 19. “As instalación de Patos non estaban nin están preparadas para acondicionar persoas maiores dependentes por carecer de baño xeriátrico e grúas para a procura da movilidade”, din as familiares.