Falece un mozo que se precipitou desde o Halo de Vigo, o segundo en 15 días

Ascensor HALO de Vigo. (Foto: Europa Press)
O home chegou con vida ao Cunqueiro, onde faleceu finalmente pola gravidade das lesións.

As autoridades policiais investigan neste momento a morte dun mozo en Vigo que se precipitou na noite desta cuarta feira desde o alto do novo ascensor Halo. Os feitos sucederon contra as 23 horas, cando a central de emerxencias do 112 comezou a recibir numerosas chamadas de particulares alertando do sucedido.

A vítima foi trasladada con vida ao Hospital Álvaro Cunqueiro logo de que axentes da Policía Local conseguisen reanimalo nun primeiro momento após a caída, mais faleceu no centro hospitalario ao pouco de chegar a causa da gravidade das lesións.

É o segundo incidente que se produce no Halo en dúas semanas despois de que o pasado 7 de febreiro outro home se precipitase, cando a infraestrutura aínda non fora aberta ao público, no que a Policía considerou un suicidio.

O Concello de Vigo reaccionou emitindo un breve comunicado no que informa de que está "á espera de coñecer as circunstancias do falecemento". "Unha vez ditaminadas as causas deste suceso, serán os técnicos municipais os que avalíen a situación e determinen a liña a seguir", precisan.