Falece un mozo de 26 anos tras saír despedido do seu coche despois de envorcar en Tui

A autovía A-55 ao seu paso por Mos (Foto: Google)
Segundo informou o 112 Galiza, os feitos ocorreron pasadas as 02,10 horas da madrugada desta sexta feira e foi a Garda Civil a que avisou aos xestores de emerxencias. Á súa vez, os axentes foran alertados polo persoal de mantemento da autovía.

Un mozo, S.A.M. de 26 anos de idade, faleceu na localidade de Tui (Baixo Miño) tras saír despedido do seu vehículo despois de envorcar mentres circulaba polo punto quilométrico 30 da A-55, en sentido Vigo, á altura da parroquia de Randufe.

Segundo informou o 112 Galiza, os feitos ocorreron pasadas as 02,10 horas da madrugada desta sexta feira e foi a Garda Civil a que avisou aos xestores de emerxencias. Á súa vez, os axentes foran alertados polo persoal de mantemento da autovía.

Tal como relataban, nun primeiro momento eran incapaces de precisar cantas persoas viaxaban no interior do coche, xa que sufrira importantes danos ao envorcar.

Non foi até a chegada dos servizos de emerxencia, que desprazaron ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico con equipo sanitario de atención primaria, cando se confirmou que a persoa falecida era a única implicada no accidente.

A pesar dos esforzos dos sanitarios, nada puideron facer por lle salvar a vida, tratándose dun mozo de 26 anos de idade, segundo fontes do 061.

No operativo tamén participaron os Bombeiros do Porriño, a Garda Civil de Tráfico, os voluntarios de Protección Civil de Tui, os servizos de mantemento da autovía e Urxencias Sanitarias de Galicia-061.