Falece en Rianxo o mozo de 12 anos que chocara coa súa bicicleta contra un coche

Helicóptero do 061 con base en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
Ademais da a súa familia e amigos, o alcalde do municipio, Julián Bustelo, tamén se solidarizou co Club Remo Rianxo, ao que pertencía o mozo falecido.

O menor que o pasado 16 de agosto chocou coa súa bicicleta contra un coche en Rianxo faleceu, segundo informou o propio Concello.

Nun comunicado compartido a través das súas redes sociais, o alcalde do concello, Julián Bustelo, expresou o seu "profundo pesar" pola morte do mozo de 12 anos, "que non puido superar as graves feridas que lle causou o accidente".

Ademais da a súa familia e amigos, o alcalde tamén se solidarizou co Club Remo Rianxo, ao que pertencía o mozo falecido.

O propio club publicou unha mensaxe tamén en redes sociais onde o definiu como un "rapaz de club". "Empezou con só sete anos a practicar este deporte, como patrón nas categorías basee do banco cultivou todos os éxitos deportivos posíbeis, entre eles campionatos galegos e españois".

"No persoal, todo sorrisos, sempre estaba disposto a botar unha man no que fixese falta e a quen lle fixese falta, deixando unha marca inesquecíbel en todos nós", destacan.

O pasado 16 de agosto, o mozo chocou contra un coche que estaba estacionado na Rúa Pazo, á altura do número 54. Foron varios os particulares que, ao redor das 16 horas, contactaron co 112 Galiza para solicitar asistencia sanitaria urxente.

Nese momento, informouse dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que derivaron unha ambulancia ao momento. Tamén foron avisados os axentes de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil de Rianxo.

Debido á gravidade, explica o 112, encargáronse de recoller aos profesionais sanitarios do Punto de Atención Continuada da localidade para atender o mozo mentres non chegaba a ambulancia. Do mesmo modo, os xestores do 112 tamén puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Boiro. Ademais, derivouse un helicóptero medicalizado sendo o mozo evacuado, finalmente, en ambulancia.