Falece un motorista tras unha colisión contra un camión no túnel de Beiramar de Vigo

Túnel de Beiramar, en Vigo. (Foto: WSP)
O suceso produciuse na tarde desta cuarta feira e provocou feridas graves no condutor do home, que foi trasladado ao hospital, onde finalmente perdeu a vida.

O motorista que foi alcanzado por un camión no túnel de Beiramar de Vigo esta cuarta feira faleceu nas últimas horas, após sufrir lesións graves como consecuencia do accidente.

Tal como informaron fontes da investigación a Europa Press, a pesar de que o condutor da moto foi trasladado a un centro hospitalario con lesións graves nas pernas, finalmente os médicos non puideron evitar que perdese a vida.

O suceso produciuse contra as 18.30 horas desta pasada cuarta feira, cando o 112-Galiza recibiu unha chamada solicitando axuda para unha persoa que resultara ferida nunha brutal colisión entre un camión e unha moto no túnel de Beiramar en dirección ao Náutico.

Para a atención do ferido, con importantes feridas sobre todo nas pernas, os xestores do 112 pediron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061. Tamén se informou aos axentes da Policía Local e os bombeiros da cidade, se ben a súa asistencia non foi precisa.

As autoridades policiais abriron unha investigación para tratar de esclarecer as causas do suceso. Unha das hipóteses que valoran é que se tratase dun 'pique' ou unha manobra irregular entre dous coñecidos que acabou en traxedia.