Falece Ángel Martínez Pérez, Lito, 'o rei das orquestras'

Ángel Martínez Pérez, Lito, saíndo dos Xulgados, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
Tiña varias causas xudiciais abertas desde 2013 relacionadas coa representación de artistas e a evasión fiscal. 

Segundo confirmaron fontes policiais, 'o rei das orquestras' faleceu esta mañá en Pontevedra após precipitarse desde a ponte da Barca á autoestrada AP-9. 

O pasado mes de novembro a sección cuarta da Audiencia de Pontevedra suspendeu o xuízo previsto contra 'o rei das orquestras', acusado de defraudación tributaria, polo seu estado de saúde. Entón, o remitiu aos xulgados "un informe forense" conforme non estaba "en condicións de asistir". 

Causas xudiciais

Cinco meses antes, no mes de xuño, Lito fora condenado pola Audiencia de Pontevedra a dous anos e tres meses de cárcere por non declarar 326.374 euros correspondentes ao IVE dos anos 2011 e 2012, cando a compañía que presidía tivo uns ingresos de máis de 2,5 millóns.

O empresario, que representaba a orquestras e artistas pola Galiza, tamén fora castigado co pago dunha multa de 340.000 euros. Ademais, o tribunal impúxolle a perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito para gozar dos beneficios ou incentivos fiscais ou da Seguridade Social durante seis anos. 

Nese momento, o sospeitoso foi sentenciado como autor de dous delitos de defraudación tributaria, aínda que conta con atenuante de dilacións indebidas. 

A súa empresa, Representacións Lito, foi condenada no mesmo momento como autora de dous delitos de defraudación tributaria, tamén co atenuante de dilacións indebidas, ao pago dunha multa de 340.000 euros e á perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas, así como ao abono dunha indemnización á Axencia Tributaria doutros 326.374 euros.

Durante o xuízo, a defensa de Lito alegou que o acusado contaba cunha patoloxía neurolóxica dexenerativa, mais a vista decorreu segundo o previsto tras un informe forense, aínda que o empresario acolleuse ao seu dereito a non declarar. 

Un negocio baixo sospeita

Era a cuarta vez que pasaba polos xulgados para resolver os detalles do baleiro contábel que Facenda destapou nas contas do empresario en 2013, que derivou en varias causas polas que chegou a enfrontarse a máis de 40 anos de prisión e multas que superaban os 40 millóns de euros.

Ángel Martínez Pérez, Lito, gañou a fama como 'o rei das orquestras' na Galiza tras xuntar unha carteira de perto dun cento de artistas e formacións entre as que se encontraban algunhas das máis cobizadas polo público das verbenas, como a Panaroma ou a París de Noia.

Mais a súa sona mudou ao transcender a súa propia forma de manexar e facer negocio, con pagamentos aos seus músicos en sobres fechados unha vez remataba o espectáculo e as orquestras comezaban a recoller o escenario.