Falece un home en Sarria nun accidente de tráfico

Estrada LU-P-5703 ao seu paso polos Remedios, onde se produciu o accidente. (Foto: Google)
Canda el viaxaba unha muller que resultou ilesa.

Un home faleceu na tarde deste domingo nun accidente de tráfico como consecuencia dunha saída de vía na estrada LU-P-5703 ao seu paso polo municipio de Sarria, segundo informou nas últimas horas a central de emerxencias do 112-Galiza. No vehículo tamén viaxaba unha muller, que non resultou ferida.

O accidente produciuse á altura do lugar dos Remedios, poucos minutos antes das 20 horas deste domingo. Até alí desprazáronse os servizos sanitarios, que nada puideron facer por salvar a vida do home.

Tras recibir unha alerta a través de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, o persoal do 112-Galiza pasou de forma inmediata o aviso aos Bombeiros de Sarria, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico, que interviron no lugar dos feitos.