Falece un home tras saírse da estrada en Santiago nunha xornada moi accidentada no país

O tráxico sinistro produciuse na rúa Cruceiro da Coruña. (Foto: Google)
Nas últimas horas producíronse outros accidentes de tráfico, sen vítimas mortais, en Vigo, Ordes, Carral e Cambre.

Un home faleceu esta cuarta feira tras saír da estrada o coche que conducía en Santiago de Compostela. Segundo trasladan desde a central de emerxencias do 112-Galiza, os profesionais sanitarios non puideron facer nada pola vida desta persoa, que viaxaba soa no vehículo cando se accidentou na rúa do Cruceiro da Coruña.

Ao fío das 8.30 horas, os axentes da Policía Local chamaron o 112 para solicitar a colaboración doutros servizos de emerxencias no operativo, dado que, precisan, a situación xa parecía grave cando atoparon o vehículo. Finalmente, foi necesario empregar material de excarceración para liberar o home.

Colisión contra unha vivenda en Carral

Por outra parte, dúas persoas resultaron feridas nunha colisión de dous vehículos contra unha vivenda no municipio de Carral (comarca da Coruña). O suceso tivo lugar na estrada N-550, en Tabeaio. Minutos antes das 5.30 horas, un particular informou o 112 dos feitos. Un coche chocou contra o inmóbel; o outro, contra un dos seus muros.

Saída de vía en Ordes

A maiores, unha persoa resultou ferida ao saírse da vía e envorcar no quilómetro 4 da AC-413, ao seu paso pola parroquia de Lesta. O 112 tivo constancia do sucedido cara ás 7.45 horas da mañá de hoxe, cando un particular chamaba para indicar que o coche quedara envorcado na beiravía e o condutor permanecía consciente, aínda que necesitou asistencia sanitaria.

Excarceración en Cambre e atropelo en Vigo

Unha persoa foi excarcerada esta terza feira após envorcar co seu coche na autovía ao seu paso polo municipio de Cambre (comarca da Coruña), no quilómetro 579 da autovía A-6 en sentido Madrid.

Á mesma hora, unha muller foi atropelada en Vigo á altrua do depósito municipal, na estrada do Vilar, e quedou debaixo dun vehículo. Foron os profesionais sanitarios os que informaron os feitos o 112 minutos despois das 20 horas. Rapidamente, os veciños empregaron un gato hidráulico para elevar o coche e retirar a muller, que foi atendida polo persoal sanitario do 061.