Falece un home en Mos tras precipitarse por un terraplén coa súa cadeira de rodas

Dúas persoas en cadeiras de rodas (Foto: Nós Diario).
Os membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Mos rescataron á persoa, que foi atendida polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061. Porén, malia os intentos, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Un varón faleceu en Mos, na comarca de Vigo, tras precipitarse por un terraplén coa súa cadeira de rodas. Os membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Mos rescataron á persoa, que foi atendida polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061. Porén, malia os intentos, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Cinco minutos despois das doce e media do mediodía deste sábado, un particular contactou co 112 Galiza para pedir axuda. Solicitaba asistencia sanitaria para un señor con discapacidade que ía en cadeira de rodas e que acababa de precipitarse por un terraplén, na baixada á Picota, en Tameiga, no municipio de Mos.

Desde o 112 Galiza avisouse ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que solicitou colaboración para poder rescatar ao varón. Até o lugar tamén acudiron os equipos do GES de Mos e da Policía Local. O persoal do 112 tamén informou dos feitos aos Bombeiros de Vigo. Con todo, unha vez rescatado e tras o intentos de reanimación, tan só se puido confirmar o pasamento do home.