Falece un home en Dumbría por picaduras de velutina

As velutinas teñen predilección polas camelias, sobre todo polas de flor con estames amarelos. (Foto: Nós Diario)
O persoal sanitario só puido confirmar o falecemento do home.

Un home faleceu nun monte en Dumbría (comarca de Fisterra) por mor da picada de varias velutinas, segundo trasladou o seu irmán, que o acompañaba. Do suceso, ocorrido hoxe, informa a central de emerxencias do 112-Galiza, que recibiu o aviso ao pouco de suceder.

Contra as 13 horas desta sexta feira o irmán da vítima, que o acompañaba no monte de Figueroa, trasladou que ao seu irmán parecera picarlle algún insecto e que, instantes despois, perdera o coñecemento. As picaduras serían de vespas velutinas, segundo a información transcendida até o momento.

Tras recibir o aviso, o 112 solicitou a participación de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Dumbría. Ao mesmo tempo, desde o 061 comunicaban que estaban a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago. O persoal sanitario só puido confirmar o falecemento do home.