Investigan a morte a tiros dun home en plena rúa en Arteixo

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
A vítima responde ás iniciais G.S.R. e os servizos sanitarios non puideron facer nada pola súa vida.

Un home de 42 anos, con iniciais G.S.R., faleceu na tarde deste domingo no concello de Arteixo (comarca da Coruña) após recibir un disparo con arma de fogo na rúa, segundo veñen de informar fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press.

Desde Urxencias Sanitarias da Galiza-061 precisaron que os servizos sanitarios tiveron coñecemento dos feitos contra as 17.55 horas de hoxe e até o lugar enviaron unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA).

A vítima foi atendida e finalmente faleceu no mesmo punto. Fontes policiais detallaron tamén que, polo de agora, se descoñecen as causas do suceso, que se atopa en plena investigación para tentar de esclarecelo.