Falece un home de 39 anos mentres nadaba na piscina municipal de Narón

Piscina municipal de Narón (Foto: TEGA Narón).
Á zona desprazouse unha comisión xudicial que autorizou o levantamento do cadáver, que foi trasladado ao Hospital Naval de Ferrol para realizar a autopsia.

Un home de 39 anos, usuario do Centro de Atención a Discapacitados (CAD) Souto de Leixa de Ferrol, faleceu mentres se atopaba nadando na piscina municipal do Narón, situada na Gándara.

Segundo fontes, este home, natural de Narón, encontrábase nadando con normalidade cando de súpeto se precipitou ao fondo da piscina.

Sacouno da auga a socorrista, á vez que se reclamaba asistencia a Urxencias Sanitarias da Galiza-061, tentando a súa reanimación coa utilización dun desfibrilador das propias instalacións, algo que non foi posíbel.

Á zona desprazouse unha comisión xudicial que autorizou o levantamento do cadáver, que foi trasladado ao Hospital Naval de Ferrol para realizar a autopsia, que determinará a causa do falecemento, aínda que as primeiras hipóteses apuntan a un paro cardíaco.

Instalacións fechadas

Tamén acudiron ao lugar unha ambulancia de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 e axentes da Policía Local de Narón e Policía Nacional.

Tras rexistrarse este incidente as instalacións permaneceron fechadas durante unhas horas.