Falece González Capón tres días despois de deixar a alcaldía de Baralla

Manuel González Capón con Alfonso Rueda e Elena Candia

Quen fora alcalde de Baralla polo PP durante 32 anos, Manuel González Capón, faleceu tres días após renunciar ao bastón de mando por mor dunha enfermidade. Capón situou Baralla no mapa galego como bastión incombustíbel do PP mais tamén pola súas polémicas declaracións de corte racista e xustificativas dos crimes franquistas.  

Faleceu na madrugada desta segunda feira 1 de xullo Manuel González Capón, alcalde do concello de Beade desde o ano 1987 até hai tres días, cando renunciou ao bastón de mando debido a unha enfermidade.

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, trasladou á familia e amizades de Capón o seu pésame e salientou os seus máis de 30 anos de traballo no PP e a prol de converter “o seu concello nun lugar mellor para os seus veciños”.

Durante 32 anos ocupou a alcaldía gañando eleccións tras eleccións para o Partido Popular, incluída a do pasado 26 de maio, obtendo maioría absoluta fronte as dúas actas conseguidas polo PSdeG e unha polo Bloque Nacionalista Galego. A súa renuncia fíxose efectiva a pasada sexta feira nun “pleno rápido e emotivo” segundo trasladou o número tres da lista do PP e fillo do propio  ex rexedor, Miguel González. O pleno estivo marcado ademais pola imposibilidade de Capón para asistir debido á enfermidade.

Durante 32 anos ocupou a alcaldía gañando eleccións tras eleccións para o Partido Popular

González Capón sitiou Baralla no mapa político galego como bastión incombustíbel do Partido Popular gañando maiorías absolutísimas. Mais tamén saltou á palestra pública polas súas polémicas declaracións sobre as persoas fusiladas polo franquismo cando nun pleno decorrido en 2013 o BNG denunciou a represión franquista e o alcalde afirmou que “os que foron condenados a morte será porque o merecían”.

A oposición pedira a súa demisión, mais ducias de veciñas e veciños saíron no seu apoio no seguinte pleno celebrado tamén en agosto de 2013 ao berro de "viva o alcalde" e o propio Capón rexeitou presentar a súa demisión. "Dixen iso", afirmou en relación ás súas declaracións, "e reitéroo". Porén, deu lectura a un comunicado onde dicía que "errar é de humanos e rectificar é de sabios". 

“Os que foron condenados a morte será porque o merecían”, afirmou Capón nun pleno en relación ás vitimas do franquismo

En decembro de 2017 voltou saír á palestra nun pleno en que se debatían os orzamentos municipais. Nunha emenda, o edil do BNG Xosé Manuel Becerra solicitou destinar unha partida de 15.000 euros para axudar a veciñanza que tivera nacementos ou adopcións no municipio. Capón respostou que "as capas sociais máis baixas son as que teñen os nenos" a quen despois “non coidan” e afirmou que “os xitanos, sen desprecialos, dálles igual ter seis que sete" e "se puidesen, canda tres meses nacería un".

O propio fillo do ex alcalde, Miguel Capón, soa como posíbel candidato a suceder o seu pai

O propio fillo do ex alcalde, Miguel Capón, soa como posíbel candidato a suceder o seu pai no bastón de mando. Esta segunda feira ás 21,00 horas rezarase un rosario no tanatorio de Baralla o funeral será a terza ás 18,00 horas na igrexa de Baralla.