Falece o escritor Xoán Xosé Fernández Abella

O escritor Xoán Xosé Fernández Abella faleceu esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
Naceu en Monforte de Lemos en 1933 e viuse na obriga de emigrar a Venezuela en 1966.

O escritor e profesor galego Xoán Xosé Fernández Abella faleceu esta quinta feira aos 89 anos de idade segundo puido coñecer Nós Diario.

Naceu en Monforte de Lemos en 1933 e viuse na obriga de emigrar a Venezuela en 1966.

Universidade Popular de Ortigueira

Do 89 ao 91 foi membro do Comité Organizador da Universidade Popular de Ortigueira. Deu recitais individuais, por radio e televisión, e colectivos, en Venezuela, Galiza, Andalucía e Portugal.

Dedicou moito tempo á animación cultural, en presentacións, xurados, mesas redondas, dirixindo teatro ou dando conferencias.

O seu Canto á Terra foi musicado por Martínez Vieito, e cantado pola soprano Dolores Cava, con López de Saa ao piano, en 1981 en Monforte. Na súa versión a cinco voces cantouno a Coral Polifónica Ortegana, dirixida por Hixinio Rodríguez López, no ano 1989 na Universidade Popular de Ortigueira.

Pertenceu á SAF (Sociedade de Artistas Ferroláns), AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Fundación Castelao, Fundación Alexandre Bóveda, Museo do Pobo Galego, Asociación Teenses pola Igualdade, Amnistía ínternacional, Cruz Vermella, Cristianisme i Justícia, Academia Real Isaac Díaz Pardo e Asociación de Amigos De Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.