Falece en Dozón após agardar 46 minutos pola ambulancia

O 061 alega que había outras dúas emerxencias. A oposición pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade e lembra que hai 3 ambulancias para cubrir 1.700 quilómetros cadrados de superficie e unha poboación moi dispersa

O servizo de Urxencias Médicas 061 admitiu que unha ambulancia tardou "46 minutos" desde que se recibiu a chamada ata que deu asistencia a un home que finalmente faleceu no campo da festa do Sisto, en Dozón, na comarca do Deza.

Segundo informaron fontes do 061 a Europa Press, a central de coordinación do servizo de urxencias recibiu unha chamada na madrugada do domingo, concretamente ás 3,19 horas, na que se alertaba que unha persoa atopábase mareada e cunha "posíbel intoxicación etílica".

Estas fontes, que precisaron que o servizo estivo coordinado por un médico da central do 061, indicaron que, "15 minutos despois", recibiuse outro aviso de que a persoa estaba "inconsciente". Con todo, manifestan que a ambulancia chegou ao lugar "46 minutos" após a primeira chamada de alerta debido a que dous vehículos de asistencia sanitaria dispoñíbeis na zona atopábanse atendendo sendas emerxencias.

Unha vez coñecido o suceso, os grupos da oposición con representación na Cámara galega esixiron a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para dar conta do ocorrido. Diso informou o BNG nun comunicado, no que asegura que este se pode tratar dun “novo caso de consecuencias fatais por insuficiencia de recursos".

"Tres ambulancias para cubrir 1.700 quilómetros cadrados de superficie e unha poboación moi dispersa, tendo en conta que, nestes casos, cada minuto conta", sinalou.