Fondo pesar no PSdeG

Falece o deputado do PSdeG Raúl Fernández

Raúl Fernández

O deputado Raúl Fernández (Castrelo de Val, 1955) faleceu esta quinta feira 20 de xuño após padecer unha enfermidade. O PSdeG transmitiu o seu pesar polo seu pasamento e transmitiu as súas condolencias á familia e amizades.

Raúl Fernández, deputado polo PSdeG no Parlamento Galego, faleceu esta quinta feira 20 de xuño após padecer unha enfermidade.

Desde o PSdeG comunicaron o seu pasamento e salientaron o seu “exemplo de honestidade, bo facer, traballo e dedicación ao longo de toda a súa traxectoria profesional e política, ademais dun compañeiro insubstituíbel neste grupo parlamentario".

Raúl Fernández foi profesor desde o ano 1982 en centros de ensino de diversas localidades como Verín, Padrón, Boiro, Negreira, Castrelo do Val e Oímbra.

No plano institucional exerceu a alcaldía de Castrelo do Val entre os anos 1987 e 2005. Precisamente nese ano foi designado delegado territorial da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes na etapa do goberno bipartito con Emilio Pérez Touriño na presidencia da Xunta da Galiza.

Recuncou como concelleiro na súa vila natal no ano 2011 e foi deputado provincial.

A nivel orgánico ocupou a secretaría do PSOE de Ourense.

Nestas dúas últimas lexislaturas foi deputado no Parlamento Galego facéndose cargo das políticas de infraestruturas.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresou nas súas redes sociais a "fonda tristeza no socialismo galego" pola morte de Raúl Fernández, "quen traballou duramente moitos anos por unha sociedade máis xusta desde todas as responsabilidades que ocupou".