A Facultade de Matemáticas da USC solicita unha reunión urxente co Conselleiro para evitar a desaparición do seu mestrado

Alumnado, docentes e persoal invetigador nunha protesta o pasado 11 de xuño para reclamarlle á Xunta o recoñecemento singular do Mestrado en Matemáticas da USC. (Foto: Arxina)
O centro alerta de consecuencias irreversíbeis para a investigación matemática na Galiza de eliminarse o Mestrado Universitario en Matemáticas.

A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) solicitou formalmente esta terza feira, a través do seu Decano, Alberto Cabada Fernández, unha reunión urxente co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, para abordar a situación do Mestrado Universitario en Matemáticas.

A iniciativa parte dun acordo da Xunta de Facultade, reunida en sesión extraordinaria o 24 de xuño. O obxectivo é dar resposta ao ofrecemento realizado polo conselleiro no Parlamento da Galiza para buscar unha saída dialogada á problemática, tras a recente negativa por parte da Xunta da Galiza ao recoñecemento da singularidade deste mestrado.

Desde a Facultade insístese en que non se trata dunha cuestión política nin dunha reacción desproporcionada, senón dunha cuestión existencial para a institución. A defensa do mestrado conta cun apoio sen precedentes, que inclúe o respaldo unánime do Colexio de Decanos da USC, a Conferencia de Decanos de Matemáticas de España, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática da Galiza (Citmaga), a Presidencia da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario da Galiza (Acsug), así como perto de 5.000 sinaturas cidadás e o apoio explícito de figuras destacadas da matemática e da ciencia tanto a nivel galego como estatal e internacional.

O mestrado está ligado a liñas de investigación de recoñecido prestixio e conta cunha produción científica de alto nivel, así como cunha elevada captación de financiamento competitivo, tanto estatal como comunitario. A súa desaparición, alertan, suporía unha fuga de talento e un golpe á continuidade da investigación matemática na Galiza.

A Facultade tamén lembra que a resolución negativa da Xunta carece de informe técnico xustificativo e que vai en contra da opinión expresada pola propia Presidencia da Acsug. Ademais, xa foi presentado un recurso de alzada pola USC para reverter esta decisión.

Implicación para garantir a continuidade

A institución solicita a implicación directa do conselleiro para garantir a continuidade do mestrado no curso 2025-2026 e expresa a súa total disposición a dialogar pola continuidade e mellora do título, como sempre fixo, destacan desde a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.