IGUALDADE

Facer visíbel o que fica oculto

[Imaxe: Redrum Teatro]

Sobre as táboas, sete testemuños reais de maltrato aos que dan vida as actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodriguez. Elas representan, baixo a dirección de Marián Bañobre, tres xeracións de mulleres que evidencian que non hai unha idade nin un perfil para as vítimas da violencia machista. Referímonos a Invisibles, a adaptación do libro de Montse Fajardo producida por Redrum Teatro, a Concellaría de Igualdade de Pontevedra e o Centro Dramático Galego. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 323 de Sermos Galiza.

Non hai golpes físicos, mais si as cicatrices na alma. E o medo. E a inseguridade. E a culpa. E as palabras que feren como coitelos afiados que nos rachan no máis fondo. Invisibles leva ao teatro os relatos recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo. Sete testemuños reais, os de Eva, Ana, Marga, Irene, Begoña, Tina e Mariluz, que fan visíbeis os sentimentos e a realidade que provoca a violencia machista. A realidade máis palpábel e a que non o é tanto.

 

Un ano despois de que o Concello de Pontevedra impulsase a edición da obra de Fajardo como parte da campaña do 25 de novembro, Invisibles sobe aos escenarios e fai do teatro unha ferramenta de combate contra o feminicidio e contra o machismo. Redrum Teatro Compañía, o Centro Dramático Galego e o propio Concello de Pontevedra están detrás da posta en escena da historia das sete mulleres. A estrea tivo lugar o 15 de novembro nun Teatro Principal de Pontevedra que ficou sen butacas suficientes. Marián Bañobre é quen está á fronte da dirección: “Para min, é un proxecto moi especial non só por tratar con material humano e delicado, senón porque o meu ámbito é, fundamentalmente, a interpretación, mais aceptei poñerme á fronte do proxecto tomando como referencia a valentía das sete mulleres”.

 

Cando a directora da obra leu Invisibles, ficou impactada, “extraín del a afouteza delas e ensináronme moito. Foi como unha escola inmensa que vai alén do profesional”, admite a directora en declaracións a Sermos Galiza. Fica satisfeita após a receptividade das protagonistas que puideron ver reflectida a súa experiencia sobre as táboas e das familias e amizades. “Aínda que pareza que as palabras útil e teatro non teñen relación, en Invisibles podemos ver como cobran sentido”, afirma Marián Bañobre.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 323 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]