Cruz López, xoieira artesanal: "Facer país tamén pasa por comprar na Galiza e apostar polas creadoras de aquí"

Cruz e Xiana comparten o seu gusto por confeccionar xoias (Foto: C.P.)
Cruz López rexenta xunto a súa filla Xiana a pequena xoiaría Planeta Tres Zetas. Desde hai anos, confeccionan pezas artesanais a base de materiais orgánicos e reciclados. Cruz, que vive nun proceso de continua formación para seguir a mellorar a súa técnica de deseño e confección, di estar moi agradecida as súas seguidoras por todo o apoio e cariño que lles transmiten a través das redes. 
 

-Cando comezaron a traballar con xoiaría?

-As datas báilanme un pouco porque foi un proceso gradual, mais foi tras realizar unha formación en Xemoloxía na Escola Mestre Mateo. Haberá uns 15 anos desde que comecei neste sector. No que se refire a Planeta Tres Zetas, o seu nacemento foi casual, mentres realizaba o deseño e elaboración de pezas para min, que gustaban moito ás miñas amizades. 

Comecei un proceso de formación, no que aínda continúo, para poder aprender diferentes procesos e técnicas: todo o que ten que ver co deseño, xoiería contemporánea, ourives, porcelana. Desde principios de ano, tamén estou a estudar como traballar con papel. Precisamente iso tenme moi fascinada polas posibilidades de reciclaxe asociadas

-Como é o proceso de traballo de fabricar xoias de xeito manual?

-Somos dúas, a miña filla Xiana e mais eu. O proceso de deseño e realización das pezas é cousa miña. Xiana ocúpase da comunicación da liña máis xuvenil que presentamos este ano. Chámase Órbita Zeta. Traballo con distintos materiais, fundamentalmente orgánicos. Son moi curiosa e a verdade é que me encanta experimentar. Agora mesmo contamos varias liñas de traballo. Por unha banda, a que ten como base ás pedras naturais, onde ademais do deseño é fundamental que as materias empregadas sexan de boa calidade. Para obter as pedras acudo a feiras internacionais nas que hai provedores de todo o mundo.

Unha segunda liña ten que ver con todo o relacionado coa reciclaxe: desde cristal que tratamos e pintamos, até o papel que mencionaba con anterioridade que despois dun proceso de tratamento e pintado é moi versátil para compor pezas de distinto tipo. Tamén me gusta moito traballar coa madeira e o coiro. Para a elaboración das pezas parto dun bosquexo previo.

-Cal diría vostede que son as características principais das pezas que confeccionan?

-Penso que o máis significativo é que non hai dúas iguais. Coidamos moito os materiais que empregamos, e facemos fincapé en que son xoias que están feitas aquí, a man. 

Ademais, existe unha clara influencia persoal na comunicación da marca, debido a nosa maneira de ver o mundo: feminista, en galego e de carácter sostíbel. Tamén intentamos innovar o máximo posíbel en canto aos materiais que compoñen as diferentes pezas.

-Pensa que a acollida coa que conta o seu proxecto é boa?

De feito, moi boa. Non deixamos de ser un proxecto pequeno que conseguiu manterse no tempo grazas a que temos unha comunidade moi fiel desde o primeiro momento. Fomos medrando aos poucos, grazas ás feiras e demais eventos de artesanía, ás nosas redes sociais e ao boca a orella da xente que compra as nosas xoias ou segue o noso traballo. Está claro que iso sempre funciona.

-Con que plans de futuro contan vostede e a súa filla para o proxecto?

Agora mesmo estou coa realización dunha colección literaria. Ademais, gustaríanos seguir mellorando a tenda online que deseñamos e puxemos en funcionamento hai uns meses. Chámase planetatreszetas.com, para quen estea interesado en seguir o que facemos. Por suposto, tamén teño en mente seguir formándome. Sempre hai que ter plans de futuro en mente.

É importante que a xente aposte por proxectos locais e de proximidade como o seu? Máis en tempos de pandemia
É fundamental saír das redes do consumo masivo. Apostar polo pequeno, polo comercio local, polo talento e polo oficio das creadoras e creadores que pagamos aquí os nosos impostos. Coido que facer país tamén é mercar na Galiza.