Alumnado de Gondomar recolle nun documental como lle afectaron os incendios de hai un ano

Eloy e Jerónimo. Ao fondo, curro de Vincios queimado. Documental 'Queimados'.

‘Queimados’ é un documental no que os propios rapaces e rapazas recollen nos días posteriores aos incendios de hai un ano (outubro 2017) as súas sensacións e opinións sobre uns lumes que viviron de perto.

 

Alumnos e alumnas que tiveron que abandonar as súas vivendas, outros que axudaron na extinción directa con caldeiros ou mangueiras de auga, algúns que axudaron a desprazar ao gando doméstico ou aos cabalos do monte...así ata máis de 30 declaracións que relatan á camara unhas vivencias que non poden esquecer. Isto é o que recolle ‘Queimados’, un documental que fala e descrebe o impacto dos incendios no alumnado do IES Terra de Turonio de Gondomar, nos grandes incendios de outubro de 2017.

 

Cando o 16 de outubro do pasado ano se reanudaron as clases no instituto, unha boa parte do alumnado aínda estaba baixo un grande shok. Unha parte importante do concello de Gondomar viuse afectada polos lumes da fin de semana.

 

Desde Borreiros, Vincios, Morgadáns, Chaín, Peitieiros, Donas e mesmo de Chandebrito en Nigrán. Os alumnos e alumnas contan como viviron os lumes nas súas casas. Hai xusto un ano, este alumnado que aparece no documental vivía en primeira persoa estes feitos que relatan a cámara. As declaracións foron recollidas nos días seguintes aos lumes que arrasaron boa parte do sur de Pontevedra.


O alumnado do Ciclo de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural realizou, nos días posteriores, unha visita de recoñecemento no Monte Galiñeiro, unha das áreas máis afectadas polos lumes, onde rexistraron as imaxes do desastre. O curro do Galiñeiro, unha estrutura en madeira empregada para a xunta dos cabalos ceibes quedou totalmente calcinada. As imaxes aéreas recollidas por un dron permiten ter unha panorámica do impacto do lume. Os alumnos mostraron unha montaxe de cartulinas onde se pode ler Lumes Nunca Máis

 

Foron os propios alumnos os que colaboraron na edición do documental. A edición correu a cargo de Mario Vila, de 4º da ESO, quen integrou as imaxes das entrevistas xunto ás gravadas polo alumnado do ciclo e outras dos medios de comunicación deses días. O resultado é unha peza audiovisual de 12 minutos que agora se divulga.