"Facer exercicio é importante para termos unha boa saúde mental, son moitas horas na casa"

César Ramos
Aínda que de momento non podemos saír ao patio, andar en bici ou xogar ao fútbol coma antes, si que podemos facer outras moitas máis cousas divertidas das que credes para mover o esqueleto. E iso é o que nos propón César Ramos, profesor no CEIP Barrié de la Maza, en Santa Comba, con Eu son atleta contra o virus, un proxecto de centro para que as pequenas -e maiores- fagan actividade física na casa.

O proxecto naceu coa vontade de propiciar a actividade física desde o fogar. Por que optou por este tipo de retos? 

Son profe de edución física e tamén de sociais e psicomotricidade. Cando comezou o feche, para sociais foi fácil crear exercicios, mais a educación física quedou un pouco colgada. Vin que había que facer algo relacionado coa actividade física para paliar esa carencia. Decidimos propor pequenos retos diarios, moi sinxelos, para que as crianzas poidan facer actividade física desde a casa, con materiais non específicos, con cousas que teñamos todas: un balón (que se pode facer con papel), unha cadeira, unha almofada... As familias gravan as nenas e nenos e envíannos eses retos feitos. Está sendo todo un éxito. Así que os recibo todos os vídeos o que fago é unha montaxe para que se vexan. Nós propuxemos 10 retos para 10 días, xa imos polo número 6 e, ao finalizar, entregaremos unha medalla a cada crianza. 

Propor diversas actividades físicas para o confinamento, adaptadas ás diferentes circunstancias familiares  non é tarefa sinxela.   A asociación de ANPA de Galiza quixouse precisamente disto, de que había moito de matemáticas, de lingua, mais artes escénicas, música ou actividade física e de psicomotricidade non. Facer propostas de actividade física é complicado, por falta de espazo nas casas ou de recursos. Si hai recomendacións desde o Inef ou asociacións de Educación Física, mais non para traballar. Por iso nós quixemos facelo así, algo accesíbel para todo o mundo. Os vídeos que estou poñendo de modelo son realizados cunha crianza de 4 anos. 

O reto lanzádelo desde a web do CEIP Barrié de la Maza.

É importante sinalar que a actividade está incluída no Proxecto Deportivo de Centro, a través do Plan Proxecta, polo que xa nos concederon varios premios, como o Galiza Saudábel, e o accésit e primeiro premio do propio Plan Proxecta. Así, o reto propoñémolo dun día para outro, colgamos na web do Centro un vídeo explicativo como mostra para que as familias o vexan e poidan realizalo. Entón, o medio de difusión que temos é a propia páxina web do centro, mais tamén o meu Facebook persoal e o do Mestres de Galicia. Estamos moi contentos de comprobar que funciona, cada vez hai máis xente apuntándose e é moi gratificante.

Barállase finalizar o presente curso académico, que opina?

É unha situación complicada, creo que a nivel de contidos habería que dar por finalizado o curso. Estamos esperando novas indicacións que chegarán logo da Semana Santa. Mais de continuarmos, pregúntome, para que vale un profesor? Se se pode ensinar desde a casa... Hai crianzas que teñen o apoio das familias, mais hai outras que non, continuando coa educación telemática o que facemos é marcar máis diferenzas e o ensino público non pode permitirse iso. 

Que lle recomendaría a unha persoa para que se anime a facer actividade física na casa? 

A actividade física é fundamental, non só para manter un corpo en boas condicións senón tamén a nivel mental, o que se di mens sana in corpore sano. Neste momento de corentena, no que temos que estar metidos na casa, é un factor que se está a descoidar máis do debido. Non sei a porcentaxe de poboación que está nos seus fogares sen facer nada, por falta de coñecemento, preguiza, falta de espazo ou materiais, mais facer exercicio é importante para ter unha boa saúde mental. Son moitas horas as que tes que estar na casa e a actividade física ten unha función que é catárquica, que serve para liberar tensións. A actividade física pódese facer con nada, co propio corpo, con autocargas e con pouco material. 

"