Facer da espada unha arte

As vellas artes de Marte sobreviviron o paso á modernidade en escuros códices, en manuscritos medio esquecidos. Grupos de persoas dedícanse a reconstruílas como exercicio de historia e práctica física. Entre eles atópase Arte do Combate que, promovido por Diniz Cabreira en Compostela, bucea no Kunst des Fechtens, con orixe na Centroeuropa do Sacro Imperio Romano e base no texto do século XIV Há uma única arte da espada. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 327 de Sermos Galiza.

Alenta, contraditoria e nada pacífica construción dos Estados tal e como se entenden hoxe en día, a instalación da modernidade ao cabo, tivo enormes consecuencias nas vidas das clases subalternas. Non foi a menor o paso do monopolio da violencia ao Estado, característica fundamental desa nova forma de organización social. Porque antes dese intre histórico, “era útil saber defenderse fisicamente”, explica Diniz Cabreira (Vigo, 1982). Faino para contextualizar as artes marciais históricas europeas, materia en que é experto e á que dedica saber teórico e práctico. Porque Cabreira é fundador, investigador e instrutor do proxecto Arte do Combate, radicado en Compostela e un dos arredor de dez colectivos galegos centrados na recuperación destas formas culturais. 

 

Arte do Combate traballa para reconstruír a tradición do Kunst des Fechtens, orixinaria de Centroeuropa en tempos do Sacro Imperio Romano, dacabalo entre os séculos XIV e XV. “É dicir, na época de apoxeo e inicio da decadencia da cabeleiría”, relata a Sermos Galiza, “a finais da Idade Media”. De feito, o Kunst des Fechtens é “unha arte marcial da cabaleiría”. Aínda que na súa versión practicada na Galiza contemporánea prescinda de cabalos. “Empregamos a panoplia tardomedieval, composta de espada de dúas mans, espada dunha man, lanza curta e lanza longa. Ademais, inclúe o corpo a corpo”, di.

 

Malia a orixe etimolóxica das artes marciais estar relacionada directamente coa guerra -as artes de Marte, o deus romano da guerra-, a do Combate non está pensada para o campo de batalla, senón para duelos xurídicos, figura legal existente na altura, ou para a autodefensa manual. No texto de finais do XIV que serve de manual e que o propio Cabreira traduciu como Há uma única arte da espada advírtenno: “O autor pregúntase como loitar contra varias persoas á vez e axiña responde: Non o fagas”.
 

A existencia de documentación con “descricións técnicas precisas” é un dos requirimentos que, segundo o fundador de Arte do Combate, cómpren para considerar histórica unha arte marcial, “a esencia dos sistemas de loita”. “Por exemplo, a narración dun combate en Homero non significa que aí haxa unha arte marcial. O texto de Johanenes Liechtenauer [do que deriva Há uma única arte da espada] si ofrece detalles. Aínda que sexa unha arte que se deixou de practicar, é posíbel retomala”, apunta. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 327 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]