Facenda non recúa: seguirá adiante coas sancións a emigrantes retornad@s

[Imaxe: SG]

A Coordenadora Nacional d@s pensionist@s galeg@s que teñen pagas do estranxeiro reuniuse en Madrid co director xeral de Xestión Tributaria: "torceu moito o bico e dixo que a lei está clara, que non hai nada que facer" e que o suicidio dunha muller en Coristanco "non é cousa deles".


María Ángeles Lorenzo, veciña de Coristanco, suicidouse no mes de xuño após coñecer que Facenda lle reclamaba 4.000 euros en impostos por unha pensión que recibía. Era viúva dun emigrante retornado.

Co recorte do xornal onde se publicou a nova presentáronse en Madrid dous representantes da Coordenadora Nacional que aglutina tod@s @s xubilad@s galeg@s que teñen pagas do estranxeiro, de estados europeos. Xosé Lois Leirós e Francisco González tiñan unha xuntanza esta sexta feira co director xeral de Xestión Tributaria "para explicarlle o roubo que nos está a practicar Facenda", explicou Leirós unha vez emprendida a viaxe de volta á Galiza.

"A reunión foi mal, descorazonadora" porque o alto cargo do ministerio español "deixounos claro que non van facer nada, que a lei é moi clara e que non cría que non souberamos que tiñamos que pagar", continúa o emigrante retornado. O director xeral "negouse a nos quitar a etiqueta de defraudadores" e, após ensinarlle o recorte do xornal onde se informaba do suicidio de Ángeles Lorenzo, "torceu moito o bico e dixo que iso non era cousa súa".

"Din que non sabían nada de nós e iso é falso"

Ao lle preguntar por que non se lle reclamaron antes os intereses se a lei que se lles aplica é de 2008, o representante de Facenda pronunciouse na mesma liña en que xa o fixera o delegado da Axencia Tributaria na Galiza: "que non sabían nada de nós e que recibiron a información dos países onde traballamos a finais do ano pasado".

Con todo, Xosé Lois Leirós enfatizou que "iso é falso" pois ao saír do país estranxeiro tiveron que se dar de baixa no consulado e na precaduría laboral, órganos dependentes do Goberno español. Aliás, ironizou sinalando que as pensións que reciben do estranxeiro "ingrésannolas no banco, con luz e taquígrafos, non coma os maletíns do Bárcenas".

A Coordenadora Nacional cifra en 250.000 as persoas afectadas polas sancións de Facenda, que van desde @s propi@s emitrantes retornad@s até @s viúv@s ou @s herdeir@s. Polo de agora só afecta a quen cobra de países europeos, mais advirte o colectivo de que logo chegarán reclamacións tamén para quen emigrou a América. "É unha decisión política que se podería amañar con vontade política", recalcou Leirós. E como na visita a Madrid non atoparon tal vontade, "xa lle deixamos claro que imos dar a batalla".