Investigación

"Facémosche o TFG": o negocio opaco de comprar traballos académicos en internet

Captura de pantalla dunha das conversas que mantivemos cunha das empresas que se ofrecen a facer os traballos universitarios. (Foto: Nós Diario)
Non son poucas as ofertas que unha estudante universitaria pode atopar en internet para pagar por un TFG ou un TFM. Unha práctica fraudulenta que atenta contra os principios de mérito e de igualdade.

Na era dixital, onde practicamente todo se pode adquirir cun par de “clics”, o eido académico tampouco queda á marxe. Abonda con facer unha busca rápida en redes sociais para atopar decenas de anuncios que ofrecen a redacción de Traballos de Fin de Grao (TFG), Traballos de Fin de Mestrado (TFM) ou mesmo teses doutorais. "Facémosche o TFG", "Nós facemos o teu traballo. Ti pásao ben" ou "Entrega garantida en menos de 72 horas" son só algúns dos reclamos que empregan estas empresas para captar a atención dun público que se atopa nun momento de moita presión académica.

Desde Nós Diario finximos ser estudantes de distintas titulacións e contactamos con estas empresas para coñecer como operan. O resultado revela un negocio organizado, estruturado e adaptado a diferentes perfís. Desde plataformas virtuais até atención personalizada, pasando por profesionais de cada rama e prezos elevados que roldan —e nalgúns casos superan— os 1.000 euros.

A primeira empresa coa que contactamos presentouse baixo o nome comercial Tesis y Másters. O contacto inicial foi por WhatsApp. Declaramos non ter nada feito dun TFG sobre meteoroloxía dentro dun Dobre Grao en Matemáticas e Física. A proposta foi inmediata: unha persoa profesional especializada realizaría a investigación e redactaría o traballo, con cinco entregas programadas para permitir correccións e adaptacións. Todo o proceso sería acompañado por un intermediario da empresa e o texto pasaría por Turnitin, a ferramenta ‘antiplaxio’. O orzamento total: 1.114,30 euros, cun desconto de 100 euros se se formalizaba o contrato antes dunha data límite. O primeiro ingreso, de 202,86 euros, serviría para “reservar praza” e activar a redacción. A insistencia por fechar a contratación foi notábel.

Noutra conversa, desta vez con TFG Online, presentamos un TFG de Historia sobre o nacionalismo galego durante a Transición. Tras unha breve chamada, fixéronnos chegar os detalles: redacción completa dun traballo de 50 páxinas, con entrega final o 12 de setembro –en segunda convocatoria– e acompañamento dunha xestora: o punto de contacto coa persoa redactora. A empresa prometía unha chamada telefónica coa profesional para axustar os detalles do traballo e facelo máis “personalizado”. O prezo inicial, de 875,95 euros, reducíase a 785,95 por unha promoción de aniversario. A estrutura é similar: o alumno non ve o nome do redactor, e viceversa. As comunicacións fanse a través de intermediarios e o anonimato está garantido en ambas as direccións. Unha práctica que parece buscar tanto a comodidade como a impunidade. “Sabemos que é un asunto delicado”, aclaraba un dos comerciais contactados por este xornal.

Un terceiro caso revelou máis detalles do funcionamento interno do negocio. Tratábase dunha estudante de Bioloxía cun traballo de campo xa realizado sobre a acidificación do océano e o desenvolvemento do mexillón. O interese era unicamente redactar o corpo teórico. A empresa Hacer TFG remitiu un orzamento formal a través dun PDF que incluía todos os aspectos técnicos do traballo, desde o tipo de letra até a normativa APA. O prezo, 560 euros, con posibilidade de rebaixa de 10% en pagamento único e de emitir factura. Ao remate do PDF incluíase un aviso legal no que se especificaba que os traballos entregados eran “modelos base” que o alumno debía adaptar, co obxectivo de eludir responsabilidades legais en caso de que o proxecto fose presentado como propio ante unha universidade.

Todos estes casos teñen un elemento en común: a aparencia de profesionalidade e de legalidade. As empresas non se definen como “servizos de redacción”, senón como “apoio formativo”, “asesoría académica” ou “acompañamento experto”. Porén, a realidade é que os textos se entregan listos para ser presentados como propios, e mesmo se elaboran presentacións para a defensa oral. Non se trata dun apoio á aprendizaxe, senón dunha substitución integral do esforzo da persoa estudante que pon en risco o valor dos títulos universitarios.

Lóxica individualista e desprezo polo coñecemento        

O discurso destas empresas apela á ansiedade do alumnado, á falta de tempo e á presión institucional. Prometen salvar o curso, aforrar estrés e garantir resultados. Mesmo ofrecen atención “humana e personalizada”, dispoñibilidade total por mensaxería instantánea e a posibilidade de adaptar o traballo “ás indicacións do titor ou titora”. Mesmo algunhas aseguran “garantía de aprobado”, sempre e cando o traballo sexa supervisado polo titor ou titora universitaria.

Todo isto presenta serias implicacións éticas e legais. O uso destas plataformas constitúe unha fraude académica que atenta contra os principios de mérito e igualdade. A universidade confía en que os traballos finais sexan unha mostra real do que un estudante é capaz de producir. Pero se quen pode pagar 800 ou 1.000 euros obtén o mesmo título que quen traballa meses no seu proxecto, a esencia do sistema universitario desaparece.

Nestes momentos, este tipo de empresas seguen operando nunha zona gris, aproveitándose do baleiro legal e da desesperación de moitos estudantes. “Seguro que estás nunha situación laboral complexa”, dinos un dos empregados. “Entendemos ben o estrés da túa situación”, afirma outro. Ante este negocio, cómpre abrir o debate: Como deben reaccionar as universidades fronte a esta realidade? Que papel xoga a formación ética do alumnado? Cabería perseguir legalmente estes servizos? Abonda con confiar na responsabilidade individual ou hai que aplicar medidas máis estritas?

O que é evidente é que o comercio de traballos académicos a cambio de cartos non é anecdótico nin está oculto. É visíbel, estruturado e crecente: un síntoma máis da primacía dos resultados sobre os procesos e a adquisición de coñecemento propia das lóxicas capitalistas do mercado.