Facebook xa non garante a inmortalidade

Detalle de Os catro xinetes da Apocalipse. Beato da Universidade de Valladolid. Século X

Onte, máis de dous millóns de usuarios, ao accederen ao seu perfil en Facebook descubriron que estaban mortos, incluído o mesmísimo Mark Zuckerberg.

Hai máis de 5000 anos, nun relato alegórico, Xilgamés partiu na procura da inmortalidade. Foi Utnapishtin, sobrevivente ao diluvio enviado polos deuses, quen lle revelou o segredo. Para chegar a el Xilgamés houbo de pasar moitas peripecias e fatigas mais finalmente coñece que é ao fondo do mar a onde debe ir. E procurar a planta máxica da eterna xuventude. Xilgamés atópaa mais pouco dura a súa alegría: unha serpe, atraída polo aroma, consegue quitarlla. Derrotado, consciente da inutilidade da viaxe, regresa a Uruk. Tamén Ulises navegou até o Hades por indicación de Circe. Dante circulou por Ceo, Purgatorio e Inferno. Percebal procura o Graal para que Arturo poida vencer a morte. Mordred, Fausto e Dorian Gray pactan a eterna mocidade.

O tempo, a morte, presentes desde as nosas orixes, constante preocupación por os vencer. Constante preocupación por vencer o tempo, algo alleos a que a todos a morte nos espera en Ispahan.

Hoxe ese proceso de procura da inmortalidade desenvolvese nas redes sociais, no Facebook, especialmente. E seguindo os pasos clásicos das grandes epopeas, mostrando as peripecias e as fatigas da vida de cada un de nós.
Rostros marcados pola serpe da dor, polo doenza amarga, aparecen na nosa liña do tempo.

Rostros doridos que suscitan solidariedade. Perfís de beleza desfigurada.

Siduri, a taberneira que vive xunto ao mar, dille a Xilgamés que nunca logrará a inmortalidade e aconséllao para que goce da alegría da vida, única perspectiva da humanidade.

Onte, mentres uns celebraban o día do solteiro e outros o San Martiño, máis de dous millóns de usuarios do Facebook descubriron que estaban mortos. Os membros da rede social e os seus amigos tiveron un choque brutal. O seu  perfil informaba do seu óbito e ao lado dunha pequena flor aparecía a mensaxe "En memoria de" antes do seu nome, que é a forma de informar de contas conmemorativas de usuarios falecidos cuxos parentes fixeron demanda.

O erro ocorreu basicamente para usuarios de Facebook en Inglés e afectou mesmo o fundador da rede social cunha mensaxe "Esperamos que quen  amou a Mark atope conforto vendo o que outros comparten”

Son tempos de mudanzas. Xa nin o Facebook nos garante a inmortalidade. Adeus a aqueles likes que consolan a derrota inevitábel, motor da longa viaxe para percorrer a estepa.