A extrema dereita como a liña dura do neoliberalismo

Unhas xornadas debatiron na Coruña sobre o auxe destes movementos -presentes xa nunha vintena de parlamentos en Europa- e que facer para frealos.

O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu esta sexta feira e sábado unhas xornadas de análise e reflexión sobre ‘O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa’. Coloquios, debates e relatorios da mán de expertos e expertas invitados pola eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e a propia Universidade da Coruña; afondaron e preguntáronse sobre este fenómeno.


“A extrema dereita é un perigo, porque ataca os dereitos de todas as persoas, aplicando nos gobernos nos que están entrando, os programas máis duros do neoliberalismo. Por esta razón, desde a esquerda e os colectivos sociais debemos debater sobre cales son as causas do auxe do neofascismo e das forzas de extrema dereita que se está está dando en toda Europa, analizar que podemos facer para frear estas forzas”, manifestou a eurodeputada Lidia Senra na inauguración das xornadas.


Por elas pasaron Gabriele Michalitsch, politóloga e investigadora da Universidade de Viena; Pastora Filigrama, avogada e membro do Sindicato Andaluz de Traballadores/as (SAT); e Sophia Siddiqui, membro do Institute of Race Relations (Reino Unido). Tamén os xornalistas Juan Miguel Baquero e David Lomboa, o politólogo Antón Losada,  Edurne Goikoetxea, membro de Altsasu Gurasoak; Adama Sow, da Asociación Sen Papeis da Coruña; e Miguelanxo Malvido, sindicalista da CIG, falaron sobre os recortes en liberdades e dereitos civís 

 

A ultradereita está xa en 18 parlamentos en Europa e o número pode seguir a aumentar, advertiuse nestas xornadas, onde tamén se preguntou que se pode facer nun escenario como este. A esquerda ten que pararse a pensar en por que moita xente non se sinte identificada e queda na casa en lugar de votar. Debemos analizar por que a esquerda non capta o descontento da xente”, dixo Pastora Filigrana, avogada do  Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT).

 

O auxe da extrema dereita ten a ver cos intereses que ten agora o capitalismo, enfatizou Lidia Senra. Para seguir nese proceso de acumulación de riqueza en poucas mans, dixo, o capitalismo necesita gobernos de extrema dereita que sigan dándolle pulo ás reformas neoliberais, privando de dereitos as persoas.