Extirpan nun hospital de Vigo un parafuso dos bronquios a unha muller que o aspirara oito meses antes

O parafuso de titanio extraído. (Foto: Vithas)
A paciente, de 70 anos, sometérase a unha cirurxía dental para a colocación duns implantes óseos que se asentan por medio de parafusos de titanio como o que inhalou sen se decatar.

Un parafuso de titanio foi o que o persoal médico achou no pulmón dunha muller de 70 anos tras sometela a un TAC e unha radiografía, logo de acudir ao hospital polas infeccións respiratorias que estaba a padecer de forma reiterada durante varios meses. A paciente vén de ser intervida no Hospital Vithas de Vigo para extraer o parafuso, de uso dental, que chegara meses atrás aos seus bronquios após aspiralo sen decatarse. O doutor Antonio Fernández Rodríguez retirou o parafuso, que fora localizado uns meses antes perante unha radiografía de tórax, e presentou o vídeo da intervención ao III Concurso de vídeos de pneumoloxía intervencionista da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica.

A orixe desta situación sitúase hai case un ano, cando a muller foi sometida unha cirurxía dental para a colocación duns implantes óseos. Dous meses despois, colocáronlle os tapóns de cicatrización e, pasado outro mes, puxéronselle as próteses definitivas.

A muller non foi consciente de que aspirara un corpo estraño, que resultou ser un parafuso de titanio dos que se empregan habitualmente nos implantes dentais, de 9 mm de lonxitude por 5,5 mm de diámetro. A peza foi aspirada nalgún momento entre a segunda e a terceira intervención, polo que estivo aloxado nun bronquio perto de oito meses.

A paciente padece EPOC e bronquiectasias bilaterais colonizadas pola bacteria 'Proteus mirabillis', causante das infeccións

Como consecuencia empezou a padecer infeccións respiratorias e, tras unha radiografía e un TAC, nos que se observaba un corpo estraño no lóbulo inferior dereito do pulmón, foi derivada á consulta do doutor Fernández Rodríguez. A paciente padece EPOC e bronquiectasias bilaterais —bronquios dilatados e inflamados— colonizadas pola bacteria Proteus mirabillis, causante das infeccións.

As probas revelaban a presenza dun corpo estraño nos bronquios, pero non se puido identificar que era. Finalmente, levou a cabo unha broncoscopia, na que tamén participaron anestesista e enfermeira, dada a idade e complicacións da muller. Con axuda do videobroncoscopio, o médico puido localizar o parafuso que, afortunadamente, estaba liberado de tecido, e puido extraelo cunhas pinzas.

Dado que non existen casos de corpos estraños intrabronquiais de titanio na literatura médica, o neumólogo vigués concluíu que "posibelmente o titanio non provoque reacción de corpo estraño na vía aérea e non forme tecido de granulación".

A respecto diso, recoñeceu que, finalmente, a extracción foi "máis doada do esperado". A intervención foi ambulatoria e a paciente foi dada de alta ás poucas horas da intervención, atopándose asintomática.