O de Monterrei continúa activo

Extinguidos os incendios de Viana do Bolo e Verín após queimaren case 355 hectáreas

Incendio en Viana do Bolo [BrifLaza].
Ambos ficaron apagados, segundo a última actualización de Medio Rural, por volta das 12.30 horas.

Os incendios que afectaron á parroquia de Vilardemilo (Viana do Bolo) e á de Queirugás (Verín) quedaron extinguidos após calcinaren case 355 hectáreas entre os dous, segundo informou este domingo a Consellaría do Medio Rural. De acordo coa última actualización, ambos quedaron apagados por volta das 12.30 horas.

O de Viana do Bolo deixou afectada unha superficie de 210 hectáreas, das que 159 son de monte raso e o resto, arboredo. O Goberno galego apunta a unha orixe intencionada neste caso, posto que se rexistraron até cinco focos diferentes a cuarta feira.

Pola súa banda, o de Verín calcinou case 144 hectáreas, das que 105 son arboredo.

O lume que continúa activo no concello de Monterrei, após queimar unhas 450 hectáreas, converteuse no máis grande do que vai de tempada na Galiza.