Cinco hectáreas calcinadas nun incendio, xa extinguido, en Viana do Bolo

Imaxe de arquivo dunha brigada forestal. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O lume afectou 3,5 hectáreas de árbores e 1,5 de monte raso.

O incendio forestal declarado na tarde desta terza feira en Viana do Bolo quedou extinguido na noite desa mesma xornada após queimar cinco hectáreas de superficie.

Segundo datos facilitados pola Consellaría do Medio Rural, este lume foi totalmente extinguido contra as 21.30 horas da terza, após declararse ás 17.18 horas da mesma xornada na parroquia de Pexeiros.

Logo de quedar estabilizado este incendio forestal ás 19.42 horas da terza feira, dúas horas despois deuse por extinguido tras queimar ao seu paso 3,5 hectáreas arboradas e 1,5 de monte raso, concretou Medio Rural.

Para os labores de extinción deste lume foron mobilizados tres axentes, sete brigadas, catro motobombas, catro helicópteros e dous avións, indicaron as mesmas fontes.

Lume estabilizado en Verín

Por outra parte, un raio provocou tamén nesta terza feira un incendio en Verín, na parroquia de Feces de Cima.

O lume, segundo confirmaron desde Medio Rural, iniciouse ás 20.07 horas, nunha xornada na que había aviso de tormentas nesa zona.

Para apagar o incendio, que afectou como mínimo 600 metros cadrados de superficie arborada, acudiron un axente, unha brigada e unha motobomba.