Todos os grandes incendios foron xa estabilizados ou controlados

Vista aérea do incendio que afectou o concello de Quiroga. (Foto: Brigada de Marroxo)
Máis de 33.000 hectáreas arderon na Galiza nas últimas dúas semanas, principalmente no Courel, Valdeorras e Vilariño de Conso.

A Xunta da Galiza deu por extinguido un incendio forestal de Quiroga, na parroquia de Outeiro, malia que os tres grandes fogos do Courel, Valdeorras e Vilariño de Conso, que acumulan máis de 28.000 hectáreas queimadas, seguen estabilizados ou controlados.

Así, a principal novidade do último parte da Consellaría do Medio Rural, con datos recollidos até as 8.30 da mañá desta cuarta feira, é a extinción do foco de Quiroga, que foi apagado contra as 22.48 desta terza após calcinar 247 hectáreas.

Aliás, desde as 20.25 horas continúa estabilizado outro incendio dunhas 20 hectáreas que se declaraba activo esta terza no municipio do Saviñao, concretamente na parroquia de Rebordaos, orixinado cando menos en tres focos diferentes, "o que mostra a súa intencionalidade", di Medio Rural.

De acordo coa última actualización, os outros tres grandes focos desta vaga de incendios que arrasou unhas 33.000 hectáreas na Galiza desde o pasado 14 de xullo fican sen cambios.

O grande incendio forestal da Pobra do Brollón-Folgoso do Courel que leva queimadas 11.100 hectáreas —no que confluíron cinco fogos— continúa sen controlar, aínda que a Consellaría xa o dá por estabilizado.

Segue tamén controlado o incendio da parroquia de Riodolas, en Carballeda de Valdeorras, que afecta o parque natural da Serra da Enciña da Lastra, con 10.500 hectáreas queimadas; e continúa estabilizado o lume do municipio de Vilariño de Conso, que afecta o parque natural do Invernadeiro e que calcinou 6.500 hectáreas.

Outros fogos xa extinguidos

A todos estes hai que sumar outros incendios forestais xa extinguidos e que calcinaron unhas 4.600 hectáreas. En concreto, trátase de Cualedro —1 hectáreas—; Baiona —46 hectáreas—; Melón —dous fogos que suman 98 hectáreas—; Quiroga —98 hectáreas—; Ribadavia —67 hectáreas—; Covelo —37 hectáreas—; Cervantes, parroquias de Donís —75 hectáreas—, Noceda —182 hectáreas—, Cereixedo —65 hectáreas— e O Castro —0,5 hectáreas—; Rodeiro —110 hectáreas—; Palas de Rei —375 hectáreas—, e Antas de Ulla —54,1 hectáreas—.

Esta listaxe complétase cos tres do municipio de Oímbra, nas parroquias de Rabal —2.100 hectáreas—, San Cibrao —370 hectáreas— e Videferre —919 hectáreas—.