Extinguido o incendio que afectou o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e arrasou 625 hectáreas

Dúas persaos observan o incendio no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés o 26 de agosto. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press).
Esta noite declarouse un novo foco en Viana do Bolo que xa consumiu 80 hectáreas. O fogo do Porto do Son permanece estabilizado.

O incendio forestal declarado a pasada cuarta feira no concello de Lobeira e que afectou ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés xa foi extinguido.

Segundo o último parte da Consellaría de Medio Rural, cos datos recollidos até as 8 horas, as hectáreas arrasadas polo lume orixinado na parroquia de San Xes de Vilariño ascenden a 625,2, das que 46,36 hectáreas corresponden a zonas arboradas e 578,84 a monte raso.

O lume fogo deuse por apagado ás 20.45 horas deste sábado e na súa extinción traballaron dous técnicos, 45 axentes, 118 brigadas, 61 motobombas, catro pas, unha unidade técnica de apoio, 11 avións e 13 helicópteros.

Viana e Porto do Son

Na comarca de Viana, o Goberno galego informa dun novo incendio declarado arredor das 23 horas deste sábado no municipio de Viana do Bolo, na parroquia de Grixoa. Afecta a 80 hectáreas e ao seu control destináronse, polo momento, un técnico, cinco axentes, 13 brigadas, 11 motobombas e dúas pas.

Por último, o incendio forestal declarado na noite da pasada sexta feira no lugar de Ribasieira, en Porto do Son, permanece estabilizado desde as 19.15 horas deste sábado.

Nesta zona da comarca do Barbanza as lapas consumiron 82 hectáreas, segundo as últimas estimacións.

Até o momento participaron nas tarefas de extinción un técnico, 19 axentes, 35 brigadas, 24 motobombas, catro pas, cinco avións e cinco helicópteros.