Extinguido o incendio de Ponteareas

Bombeiros sufocando un incendio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O fogo forestal que ameazou vivendas en Moaña segue baixo control, segundo apuntan desde a Consellaría do Medio Rural.

O incendio que afecta o concello de Ponteareas xa foi extinguido, segundo informou a Consellaría de Medio Rural a través das súas redes sociais. Finalmente, a superficie afectada foi de 20,96 hectáreas.

O fogo orixinouse na parroquia de Guillade e deuse por controlado pasadas as 21 horas da terza feira, sendo extinguido este mediodía. Traballaron na zona dous técnicos, 16 axentes, 43 brigadas, 29 motobombas, dúas pas, un tractor, seis avións e nove helicópteros.

Pola súa parte, o lume de Moaña, iniciado na parroquia de Meira, deuse por controlado nesta terza arredor das 17.30 horas. Cunha afectación aproximada de 20 hectáreas, traballan na zona 14 axentes, 33 brigadas, 30 motobombas, oito avións e cinco helicópteros.

Este incendio obrigou na segunda feira a cortar a autovía do Morrazo durante unhas horas. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, explicaba que, durante a tarde, viviuse unha situación crítica, "cos veciños apagando o lume desde terra", aínda que apuntou que non houbo desaloxos porque os habitantes traballaban na zona con caldeiros e mangueiras.

Nos dous incendios foi necesario activar durante a tarde da segunda feira a coñecida como situación 2, nivel de risco de emerxencia pola proximidade das chamas a núcleos habitados.

A rexedora de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, apuntaba recentemente que "o lume chegou moi perto, ao límite das vivendas". Veciños colaboraron cos seus medios mollando a contorna das vivendas.