Galiza entrega 0,2% do total de vivenda social do conxunto do estado

Galiza está á cola do Estado en vivenda social e protexida. Un posto que non se conseguiu nin por arte de maxia nin por casualidade. As políticas desenvolvidas nestes anos polos gobernos explican que no país haxa 12.000 persoas demandantes de vivenda protexida. Aliás, en 2017 só se entregaron as chaves de 12 pisos sociais, o que representa 0,2% do total no Estado, a peor porcentaxe entre todos os territorios. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 320 de Sermos Galiza.

Núñez Feixoo dedicou a súa promesa estrela no recente debate do estado da nación á vivenda. Anunciou que a partir de 2019 aplicaríanse rebaixas fiscais á compra de vivenda usada. O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, estendeu días despois esta promesa ao afirmar que 10.000 galegas e galegos pasarán a pagar menos impostos cada ano ao comprar a súa vivenda habitual. A política de vivenda da Xunta, reducida a unha política fiscal para incentivar compras no mercado libre de vivenda. Juan Gómez, promotor, asevera que “non existe política de vivenda de protección oficial” e que o que pasou estes anos foi que os “exiguos orzamentos para vivenda” pasaron a se concentrar “en cuestións como o alugueiro ou rehabilitación”. 

 

O certo é que unha mirada aos dados destes anos mostran que o noso país está na cola da vivenda social e protexida do Estado español. En 2015 entregáronse en todo o Estado as chaves de 4.938 pisos sociais. Só 12 deles na Galiza, 0,2% do total, a cifra máis baixa de todos os territorios do Estado. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación que nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha.

 

En Estremadura (1.600.000 habitantes menos que na Galiza) foron 216 as vivendas entregadas. En Nafarroa –á que cuadriplicamos en poboación– foron 192. Na Galiza hai por volta de 12.000 persoas demandantes de vivenda protexida. 

 

En 2017 apenas 0,2% das vivendas iniciadas na Galiza eran vivenda protexida fronte ao case 11% do Estado español. En 2016 tamén foi só 0,2% dos novos inmobles iniciados e en 2015 foi 0,3%. No primeiro ano de goberno Feixoo a porcentaxe era de 15,5% mentres no conxunto do Estado a media estaba en 49%.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 320 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]