O XUíZO "TRASCENDE" O PROPIO CASO, DI A DEFENSA

Extel apela ao convenio para xustificar ter descontado as horas médicas a unha vítima de violencia machista

[Imaxe CIG]

Ficou visto para sentenza o caso da traballadora á que lle foron descontadas da nómina as horas médicas nas que asistía a tratamento psicolóxico por violencia machista. 

Esta segunda feira (15 de febreiro) tivo lugar a vista oral pola denuncia presentada, através da CIG, por unha traballadora da empresa de telemárketing, Extel

Ás portas dos xulgados da Coruña, unha vintena de persoas concentrábanse para apoiar a operaria mais tamén para denunciar a violencia que se exerce nos centros de traballo cunha faixa na que se podía ler 'Na túa empresa tamén hai violencia' e que estaba encabezada pola secretaria de Muller da central sindical, Margarida Corral. 

En conversa con Sermos Galiza á saída do xulgado, o avogado da traballadora asegurou que saían "bastante contentos" após o Ministerio Fiscal apoiar a demanda. Pola súa banda, a empresa apelou ao "convenio colectivo" e ao carácter non remunerado das "horas médicas" para xustificar o desconto. Desde a defensa aseguran que "os dereitos das persoas en situación de violencia machista" deben prevalecer sobre calquera lei. "Como pode unha traballadora exercer un dereito se a causa diso sofre un menoscavo económico?", sinalou o letrado da denunciante. 

"Extel equipara as horas médicas dunha gripe coas da violencia machista", di o avogado da CIG

"Extel dalle igual rango a acudir ao médico por unha gripe que por violencia machista", acrecentou o avogado o que supón, di, un incumprimento mesmo da lexislación internacional referida á protección das mulleres en situación de violencia machista pois, lembran, a traballadora acudía aos tratamentos psicolóxicos que o Sergas disponibiliza


A trascendencia do caso

Descontar da nómina esa xornada "destanuraliza a lexislación", no concreto, a Lei Orgánica para o tratamento integral da violencia de xénero en cuxa "exposión de motivos", lembra o letrado, se sinala a “obriga de adoptar medidas de acción positiva para facer reais e efectivos ditos dereitos (...) atendendo ás recomendacións dos organismos internacionais no sentido de proporcionar unha resposta global á violencia que se exerce sobre as mulleres”. 

"A lexislación en materia de violencia machista ten que ser transversal"

Ás espera de que sexa ditada sentenza desde a CIG achan que o proceso iniciado "trascende" o propio caso. "Ten moita importancia porque as empresas de telemárketing, mais todas en xeral, están pendentes unhas doutras e poderíase sentar un precedente para que outras poidan facer o mesmo", sexa cal for o resultado final. 

"A lexislación en materia de violencia machista ten que ser transversal e todas as normas, previas ou posteriores, todas teñen que lerse desde a óptca do respecto a estes dereitos", sinala o avogado. "Gañar é importante non só por este caso concreto", conclúe. 


"A empresa mentiu"

Pola súa banda, a traballadora asegura que durante a vista "a empresa mentiu" pois "dicía que nunca se lle notificara o caso de violencia machista". Porén, a defensa aportou "os xustificantes recibidos" por Extel nos que así se sinalaba a súa situación. "Fervíame o sangue", di en conversa con Sermos Galiza pois o letrado da entidade de telemárketing díxolle mesmo que a lei a amparaba para "ter reducido a xornada laboral e con ela o salario" ou "rescindii o contrato" e con iso asistir á terapia psicolóxica. "Iso foi o máis escandaloso e duro", afirma. 

Esta operaria e delegada sindical da CIG non é a primeira vez que se enfronta xudicialmente a Extel. O pasado ano tivo que reclamar por esta vía que lle fosen aboadas economicamente as horas sindicais cando estas coincidían en domingos ou feriados. Daquela "dicían que fora un erro mais existían correos electrónicos nos que se me dicía que non me ían pagar", acrecenta. "Gañamos o xuízo" recoñecendo a xustiza que se violaran os seus dereitos fundamentais. Neste senso, sitúa a súa condición de "delegada sindical da CIG" no foco do conflito.